Tras a tesoirada á xarda, o Ministerio quer recortar nun 60% a cota da sardiña

A rebaixa no cupo de pesca deste recurso, vital para a flota galega, leva a sector e BNG a sinalar que de facto estase ante unha veda.

pesca mariñeiros

Se a xarda (ou rincha) era de importancia para a flota galega, a sardiña é fundamental. Por iso o proxecto de recorte que baralla o Ministerio de Pesca español para os cupos deste recurso provoca arrepíos no sector cerqueiro do país. Unha preocupación que motivou que o Bloque Nacionalista Galego presentase unha solicitude de comparecencia o secretario xeral de Pesca “para que explique o borrado de Plan de xestión da sardiña para a franxa situada entre o golfo de Vizcaia até o de Cádiz, e que reduce de maneira drástica as cotas de pesca desta especie”.

O borrador manexado polo ministerio español prevé recortar nun 60% as cotas para a flota. En 2012 os buques do Estado español capturaron case 23.300 toneladas de sardiña. Para o exercicio en curso prevese que as capturas (para toda a flota da península) non chegue ás 21.000 Tm. E delas, no Estado ficarían 8.400 toneladas.

Diálogo co sector

A fronte nacionalista afirma que para o cerco galego a proposta do Ministerio é tan mínima que na práctica significa que se está a estabelecer unha veda. “Non considera que na práctica se está a decretar a veda da sardiña? Non estaríamos ante un caso similar ao da anchoa do Cantábrico hai uns anos? Non sería máis axeitado decretar unha veda subvencionada?”.

Finalmente, a portavoz do BNG demanda ao Ministerio que consensúe co sector do cerco o plan de xestión da sardiña e abra un marco de diálogo.

Comentarios