Convoca a CIG

Terza, día 22: xornada de mobilizacións en defensa de pensións dignas

A próxima terza feira, día 22, será unha nova xornada reivindicativa por un sistema público de pensións. A CIG convoca un total de 18 concentracións en cidades e vilas do país para reclamar emprego, salarios e pensións dignas.

[Imaxe: Galiza Contrainfo] Pensións
photo_camera [Imaxe: Galiza Contrainfo] Pensións

Cando resta un mes para a xornada de folga xeral convocada pola CIG, o sindicato nacionalista volve organizar concentracións en defensa do sistema público de pensións e en demanda de emprego e salarios dignos. A central sindical acusa o PP de pretender facer “ouvidos xordos ao clamor social que exixe pensións dignas e o seu intento de vendernos un acordo que recollerá nos Orzamentos a suba das pensións, como se con iso se solucionasen os graves problemas que trouxeron as reformas das pensións de 2011 e 2013, as reformas laborais e as políticas económicas e sociais aplicadas”.

A CIG non sitúa o centro da loita na “suba duns euros na pensión, nin de que esta se articule vía Orzamentos do Estado”, senón que a batalla, advirte, ten a ver coa “derrogación destas reformas das pensións e a eliminación da política económica e laboral das reformas laborais, que xeran pobreza e explotación laboral”.

Nesta liña, o sindicato encabezado por Paulo Carril pon de manifesto que o Goberno de Mariano Raxoi quere “facernos crer que as pensións públicas non son viábeis e que hai que complementalas con aforro e con pensións privadas”. “Non caiamos na trampa. É a administración a que debe garantir unhas pensións públicas dignas. E pode facelo, non é un problema económico o que llo impide, só é precisa vontade política. O sistema público de pensións en Galiza, ou mesmamente un sistema público galego, é posíbel, viábel e capaz por si propio”, agrega a central sindical.

As reformas das pensións

A CIG atribúe a actual situación “ás sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE, en 2011, como polo PP, en 2013, que complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación”. Nesta liña, denuncia que máis da metade das pensións galegas son inferiores ao salario mínimo e na Galiza están as pensións máis baixas do Estado español.

“Xa se avisou desta situación pola que mesmo a CIG convocou en 2011 unha folga xeral, mentres UXT e CCOO aprobaban a reforma de Zapatero”, subliña o sindicato, que insiste na necesidade de seguir loitando para que o factor de sustentabilidade do que veñen de suspender a entrada en vigor non se efectivice. De facerse efectivo, poderían reducirse até nun 20% as futuras pensións, “a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida, xa que canto máis maiores sexamos, pensións máis pobres teremos”.

Onde e cando?

    A Coruña: Obelisco 11:30h

Ferrol: Edificio da Xunta 20h

Santiago: Praza do Toural 20h

Boiro: Praza do Concello 20h

Pontevedra: Diante da Peregrina 20h

A Estrada: Praza do Mercado 20h

Vigo: Vía Norte 19h

Lugo: Praza Maior (Concello) 20h

Guitiriz: Concello 20h

Sarria: Praza da Vila 20h

Vilalba: Praza da Constitución 20h

Monforte: Concello 20h

Chantada: Praza de Galiza 20h

Burela: Praza da Mariña 20h

Ribadeo: Concello 20h

Viveiro: Concello 20h

Ourense: Subdelegación do Goberno 19:30 h

Cee: Diante do Concello 11:30 h

Comentarios