Unha terceira empresa entra na poxa polos activos da conserveira Thenaisie

As traballadoras e traballadores exixen ao xulgado que se pronuncie canto antes para resolver o futuro da conserveira do Grove.
Instalacións da conserveira Thenaisie Provoté no Grove (Foto: Nós Diario).
photo_camera Instalacións da conserveira Thenaisie Provoté no Grove (Foto: Nós Diario).

O futuro da conserveira Thenaisie Provoté está máis próximo a despexarse. O Xulgado ten que pronunciarse nas próximas datas sobre as ofertas presentadas, unha dun empresario de Murcia e outra dun de Valencia. Pero antes diso deberá determinar se acepta tamén unha última proposta, presentada por Rías Baixas, conserveira controlada polo empresario asturiano Rodolfo Cachero desde 2019, cando se fixo coa unidade produtiva da histórica Conservas Iglesias.

Segundo explica a Nós Diario Rosa Domínguez (CIG), presidenta do comité de empresa, esta última proposta trátase dunha "oferta de continuidade" que mantería 77 postos de traballo. Con todo, recoñece que o tempo "é moi limitado" e que todo vai depender do que decida o xuíz que leva o proceso de liquidación da conserveira. 

Namentres, a produción na planta do Grove segue con normalidade e as traballadoras e traballadores teñen as súas nóminas ao día. Distinta é a situación no centro loxístico de Mos, onde o persoal leva xa varios días a negociar un expediente de regulación de emprego (ERE) que, en principio, afectará a todas as traballadoras e traballadores menos ao persoal de mantemento. Con todo, agardan que se poida evitar se chega unha solución a tempo.

Tensa espera

Como recoñece Domínguez, a espera por unha resolución está a ser "bastante tensa", até o punto de que se están a xerar tensións entre as distintas centrais sindicais. 

De feito, a presidenta do comité de empresa asegura que "o inimigo témolo na casa", en referencia a Comisións Obreiras (CCOO), a quen acusa de andar "perdendo o tempo con escritos e mentiras". Mesmo afirma que chegaron a pedir que non se tivera en conta unha das ofertas presentadas.

Desde CCOO, o secretario comarcal de CCOO-Industria en Arousa, Miguel de María, explica a este diario que "en ningún momento" decidiron tomar parte. "Simplemente valoramos as mellores opcións para as traballadoras, pero non estamos avalando nin quitando fóra a ninguén", asegura o responsábel sindical.  

Neste senso, critica que a tardanza por parte do xulgado en tomar unha decisión está a xerar "unha situación de incerteza que non beneficia a ninguén". Por iso exixe ao xulgado que "tome parte xa dunha vez por todas e decida que vai facer; se admite as tres propostas, se o fai só coa que cumpre cos requisitos, que é a de Tomás Guillén, e sobre todo que teña presente as traballadoras". 

Como lembra De María, a administración concursal xa fixo alegacións ás propostas e está en mans do xulgado tomar unha decisión. "Non entendemos esta demora cando xa se marcaron uns prazos", di o dirixente sindical, que pide ao xuíz que, ben cunha poxa entre as tres opcións, "todas interesantes" ou elixindo a que considere, "tome unha decisión xa". 

Sobre as acusacións da CIG, De María cre que "escolle mal camiño". "Os feitos están aí", remarca, ao tempo que lamenta que se queira centrar o problema nas leas internas en lugar de mirar polo futuro da empresa e o mantemento dos empregos.

Comentarios