Tensión na protesta polas preferentes no Congreso do PP en Silleda

Centos de manifestantes arrodean o recinto feiral da Semana Verde de Silleda diante dun forte dispositivo policial. Pouco antes do mediodía vivíronse momentos de tensión entre manifestantes e Garda Civil con derrube de valado incluído. Segundo informa a Cadena SER a coordinación deste dispositivo policial esta dirixido persoalmente polo subdelegado do Goberno central en Pontevedra.

Manifestantes nun dos outeiros
photo_camera Manifestantes nun dos outeiros

Chegaron de todo o territorio galego a Silleda para protestar contra o que consideran un "fraude" e un "roubo" de grandes dimensións. Convocados polas Plataformas de afectad@s de preferentes desprazáronse até Silleda após a decisión do PPdeG de mudar de lugar o XVI Congreso provincial do PP de Pontevedra. Desde pouco máis tarde das 10 horas da mañá ocuparon os espazos exteriores, rotondas e accesos ao recinto feiral da Semana Verde. 

Pouco antes do mediodía vivíronse momentos de tensión entre manifestantes e Garda Civil con derrube de valado incluído. Segundo informa a Cadena SER a coordinación deste dispositivo policial esta dirixido persoalmente por Antonio Coello, subdelegado do Goberno central en Pontevedra. Após ese pequeno incidente pasouse a ler o manifesto de Tui ao que se adheriron todas as Plataformas.

Logo chegaron ao lugar autobuses procedentes do Salnés, Morrazo, Marín e Pontevedra, Os manifestantes arrodean todo o recinto, concentrándose unhas 500 persoas na rotonda de entrada. Outros grupos dirixíronse a dous outeiros desde onde se pode ver o edificio central da Semana Verde, lugar de celebración do Congreso. Segundo fontes presentes no lugar algunhas persoas conseguiron romper parte do valado de arame de acceso.

"É un roubo" non para de repetir José Manuel da Plataforma de Afectad@s de Sanxenxo-Salnés, "un expolio, non ten outra calificación". A indignación de centos de persoas que protestaban no exterior do recinto da Semana Verde de Silleda foi en aumento ao longo de toda a mañá. Distribuidos por todo o perímetro dos valados metálicos buscaban as saídas posíbeis d@s asistentes ao Congreso do PP de Pontevedra para amosarlles o seu descontento. "Feijóo defende moito aos chipriotas e esquece a nación na que naceu, non nos entra na cabeza". 

Informad@s da decisión do FROB de que as persoas defraudadas polas participacións preferentes de Nova Galicia Banco ficarán sen o 43% dos seus aforros e no caso das participacións subordinadas do 41% non querían marchar sen transmitir "aos de dentro" que non quedaban calad@s. Pasadas as dúas da tarde deciden marchar nos mesmos autobuses que os trouxeron. Levaban horas e mesmo algunhas Plataformas estiveron antes na manifestación de Pontevedra. "Esta segunda feira temos Pleno en Sanxenxo", comenta José Manuel, "e a alcaldesa dí que non toca falar de preferentes". Prometen continuar, o seus aforros dependen da súa teima en non dar por bó unha decisió que consideran "unha estafa".

Sen novidade no PP de Pontevedra

No interior do recinto o XVI Congreso do PP de Pontevedra seguiu o guión previsto. Rafael Louzán foi reelixido como presidente provincial do seu partido co 97,1% dos votos. Na executiva entra Rocío de Sinde en substitución de Begoña Estévez na Secretaría Xeral e continúan como vicepresidente José Manuel Figueroa, e como vicesecretario xeral o alcalde de Lalín, José Crespo. Para pechar a xornada os populares tiveron no discurso de Feijoo unha repetición do argumentario para a militancia: ataque aos gobernos anteriores no tema das preferentes e compromiso de que todas as persoas afectadas recuperarán os seus aforros.

Comentarios