Tenreira Galega pide aumentar prezos para garantir a continuidade das explotacións

O informe 2019 da IXP Tenreira Galega sinala certa estabilidade no sector. Manteñen cifras de mercado coa eiva de non avanzar na comercialización a nivel internacional. O maior perigo para a continuidade das explotacións segue a ser os baixos prezos e a falta de apoio institucional en forma de axudas.  
XIX edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, na Pobra de San Xiao, Láncara.(Tenreira Galega)
photo_camera XIX edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, na Pobra de San Xiao, Láncara.(Tenreira Galega)

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega pechou o exercicio 2019 crecendo no campo e mantendo as súas cifras no mercado. Tanto o número de explotacións activas como, sobre todo, o número de tenreiros rexistrados medraron de maneira significativa, con valores preto de 2%, acadando as 8.298 explotacións inscritas con actividade e os 135.263 tenreiros rexistrados e controlados.

Continuidade nos datos

A satisfacción é moderada no sector en canto ao número de canles certificados e de toneladas de carne comercializadas baixo o amparo desta IXP. Os datos foron lixeiramente inferiores aos de 2018, con diferenzas insignificantes de apenas 0,5%, acadando as 96.104 canles certificados e 21.235 toneladas comercializadas. Con respecto ao valor económico en primeira venda da carne comercializada, este foi de 123 millóns de euros. As cifras no mercado permaneceron practicamente similares ás do ano 2018, a pesar da presión a diferentes niveis que sofre na actualidade o consumo de carne e das novas tendencias comerciais e gastronómicas.

Mellorar nos prezos

A evolución dos prezos en orixe mantivo a estabilidade doutros anos, con oscilacións maioritariamente entre os 4,30 e os 5 euros/kg canle. Este é un apartado que preocupa, na liña das demandas  doutros sectores do campo galego. "Os prezos da carne de vacún teñen que mellorar", asegura a Nós Diario Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún da Galiza, "a rendibilidade das explotacións ten relación cos prezos a que vendan os xatos e deles dependerá a súa continuidade, aínda que na nosa IXP estamos por enriba dos prezos do mercado". Afirma que a gandaría "é fundamental para fixar poboación no rural". Desde Tenreira Galega apoian as reivindicacións destes días pedindo prezos xustos. "Hai que tomar medidas con urxencia, diso dependerá a nosa continuidade". Para González "a maior parte da xente que vive no rural non quere enriquecerse, pretende vivir dignamente do seu traballo".

A internacionalización, esa materia pendente

A comercialización no exterior é unha das materias pendentes para esta IXP. Case a metade da produción (46%) consómese no noso país. A exportación cara ao resto do Estado (Levante e zona centro) é de 51% e para outros países (Alemaña, Portugal e Andorra) queda en 3%. Existe un Plan de Internacionalización a través de misións comerciais inversas e a organización de presentacións profesionais na Alemaña, ademais da participación nas principais feiras alimentarias e gastronómicas de referencia no sector. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios