Galiza continúa a bater récords en temporalidade laboral: 20% de aumento en catro anos

É de 28,1%, dous puntos máis que no ano pasado e achégase ao nivel de Polonia, que con 28,4% é o país europeo con maior taxa de temporalidade no emprego.

Actualmente temos en Galiza 847.900 persoas asalariadas, 609.400 das cales con contrato indefinido e as 238.500 restantes con contrato temporal. A respecto do trimestre anterior rexístanse 15.200 persoas máis con contrato indefinido. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados, aumenta 9 décimas neste trimestre, até se situar en 28,1%. Ao fechamento de 2016 era de 26%, dous puntos menos. En 2015 era de 25,4% e en 2014, de 23,5%. Desde aquel 2014 até agora o peso da temporalidade aumentou en 20 por cento.

O emprego que se crea é, pois, unicamente temporal. Nada raro logo que Galiza figure na cabeza de Europa canto á taxa de temporalidade con ese 28,1%, é dicer, que de cada 100 asalariadas e asalariados que hai no noso país, 28 teñen contrato temporal. Achegámonos así ao líder europeo neste rexistro, Polonia, que ten 28,4%.

Levamos anos en Galiza a bater marcas a respeito do número de contratos asinados. Mesmo durante os anos máis duros da crise, con destrución de emprego, aumentaban as estatísticas de contratos que se rubricaban no noso país. Así, se ben entre 2009 e 2011 desceu a cifra de contratos, a partir dese ano comezou a aumentar embora se continuase a destruír emprego. O motivo? A temporalidade. A temporalidade en Galiza supera a de países golpeados fortemente pola crise, como Portugal (23%) ou Grecia (13%).

Cos dados de novembro ponse de relevo que as empresas galegas continúan a facer maioritariamente contratos temporais. No mes de novembro fixéronse 80.025 contratos, destes tan só unha porcentaxe moi baixa, 8,34% foi contratación indefinida.

Comentarios