A tempada de pesca continental nos ríos galegos comezará o 19 de marzo

O DOG publica as normas e as datas relativas á actividade pesqueira.
Un home pesca nun río (Foto: Brais Seara).
photo_camera A pesca sen morte conta con períodos ampliados nas zonas con convenio (Foto: Brais Seara).

A tempada de pesca deste ano na Galiza comezará o 19 de marzo e terminará o 31 de xullo. Así se estabelece na orde anual publicada esta quinta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), na que se recollen as normas de pesca nas augas continentais galegas.

Así, no caso do salmón, o período será do 1 de maio ao 31 de xullo, mais poderá adiantarse o final da tempada en función das capturas. Nos tramos compartidos do río Eo e nos cotos do Ulla rematará o 30 de xuño. 

A cota de captura estabelécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A captura máxima anual no río Ulla queda fixada en 30 exemplares; no Mandeo en cinco; no río Masma a cota é 15 salmóns; no Miño oito; e en Salmeán, 10. No resto dos cotos autorizados no río Eo non se estabelece límite anual.

Co obxecto de colaborar na mellora da poboación do salmón nas augas do Ulla, do mesmo modo que se fixo na pasada tempada, cando se capture un exemplar desta especie nos cotos de Ximonde ou Santeles estabelécese un procedemento de doazón voluntaria para destinalo a reprodución artificial na piscifactoría de Carballedo ou a marcaxe e seguimento da súa migración no río.

Reo e troita

A tempada hábil para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, prorrogarase nos cotos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre até o 30 de setembro; e, no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde, até o 31 de agosto. 

Para a troita, a tempada comezará o 19 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos cotos con convenio de colaboración, prolongarase até o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneras, nas de reo ou nas de montaña o inicio atrasarase até o 1 de maio.

Con carácter xeral, decláranse as segundas feiras como días inhábiles para a pesca, excepto festivos estatais ou autonómicos. As quintas feiras serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos estatais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

Comentarios