venres 30/10/20

Tellado compromete o apoio do PPdeG ao comité de Siemens Gamesa

O persoal da compañía que fabrica pas de aeroxeneradores alertou da falta de encargas máis alá de 2020. O número dous do PPdeG trasladou que a Xunta e mais a súa formación traballarán coa empresa na procura de "vías de futuro".
Miguel Tellado, número dous do PPdeG, reuniuse con representantes do persoal de Siemens Gamesa o 9 de outubro de 2020 (Imaxe: Europa Press).
Miguel Tellado, número dous do PPdeG, reuniuse con representantes do persoal de Siemens Gamesa o 9 de outubro de 2020 (Imaxe: Europa Press).

A falta de encargos de pas de muíños de vento máis alá de fin de ano puxo en alerta ao persoal de Siemens Gamesa, a compañía especializada na fabricación de compostos de aeroxeneradores situada no concello das Somozas.

Hoxe, nunha encontro co comité de empresa, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu á compañía que aposte "por esta comarca e polo mantemento dos postos de traballo".

Tellado lembrou que da factoría dependen 500 postos de traballo sumando os directos, arredor de 300, e os indirectos. O número dous do PPdeG puxo de manifesto a importancia da factoría para a economía das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e compartiu a súa preocupación polo manifestado polo comité.

A compañía centra a súa actividade nun único modelo de pa. Esta semana, UXT instouna a fabricar modelos máis innovadores como vía para atraer nova clientela. "Non precisaría investimentos relevantes na planta de fabricación nin nos accesos dado que as súas dimensións facilitan o transporte", razoaron.

Tellado insistiu en que desde o partido e a Xunta da Galiza, continuarase a "traballar activamente, colaborando coa empresa man con man para buscar vías de futuro para esta planta e que todas as incertezas se poidan disipar da mellor forma posíbel".

O secretario xeral do PPdeG asegurou ao comité de empresa o apoio da súa formación en todas as tarefas para defender o emprego.

Desde UXT lamentan que ofreceron en reiteradas ocasións "acordar cantas medidas sexan necesarias para facer máis competitiva a planta con respecto á competencia interna que poida ter a nivel mundial". Porén, até o momento a empresa declinou as súas ofertas. 

comentarios