Telefónica e Xunta prometen en campaña crear 500 empregos en call centers tras destruiren 1.600 traballos

A deslocalización no telemarketing destruiu 1.600 empregos, nunha dinámica amparada por Xunta e Telefónica. Ambas entidades prometen agora crear 500 postos de traballo, nun anuncio con arrecendo electoral

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta sexta unha xuntanza co presidente de Telefónica España, Luis Miguel Gilpérez, na que lle trasladou a aposta do operador por Galiza , "que en 2013 investirá 117 millóns de euros  e creará preto de 500 postos de traballo", segundo a nota oficial do goberno galego tras a reunión.

Este anuncio, realizado en plena campaña electoral, supón unha "tomadura de pelo" en palabras dos sindicatos, nomeadamente da CIG para o sector do telemarketing, no que se crearía segundo a Xunta eses empregos . A central nacionalista lembra que nos últimos anos destruíronse na Galiza neste sector pola volta de 1.600 postos de traballo, debido a unha aposta pola deslocalización á que en nada foron alleas Telefónica e Xunta.

Nesta liña, a CIG sinalou que mesmo a Xunta autorizou un ERE que afectou a máis de 200 traballadores e que só neste ano supuxo que 154 tivesen que ir ao paro.

O telemarketing implicou que máis de 25.000 empregos se deslocalizasen, principalmente a América latina

.

Comentarios