Técnic@s de Facenda afirman que a recadación pola suba do IVE será moito menor á que prevé o goberno

O sindicato de técnic@s do ministerio de Facenda, Gestha, afirma que hai outras vías de recadación, como centrarse na economía somerxida

Gestha, o sindicato maioritario entre as e os técnic@s do ministerio de Facenda vén de botar unha xerra de auga fría sobre as previsións de recadación do goberno Rajoy co aumento do IVE. O presidente deste sindicato, José María Mollinedo, sinala que a suba que entrará en vigor o 1 de setembro permitirá recadar uns 7.500 millóns de euros, 2.000 millóns menos dos que figuran nas previsións do goberno español (9.500 millóns de euros).

Os motivos de que a recadación sexa máis baixa á prevista polo executivo central responderían a que a suba do IVE contraerá o consumo, algo con grande impacto nunha economía, a española, moi dependente do consumo interno. Mollinedo lembrou neste sentido que a anterior suba do IVE (con Zapatero, e que foi de 2 puntos) só logrou recadar uns 3.600 millóns de euros, cando as estimacións e cálculos do goberno socialista esperaban obter máis de 5.000 millóns.

Gestha mostrouse partidariao de recorrer a outras vías, e non á suba do IVE, para aumentar a recadación do estado. Entre estas propostas, estaba a de incrementar o control sobre o diñeiro negro e a economía somerxida, que supón en torno ao 23% do PIB.

Comentarios