Salóns de peiteado e barbarías reivindícanse como sector esencial e exixen o IVE reducido

Cidades e vilas galegas rexistran concentracións do sector que exixe que se valore o seu traballo nesta pandemia.
Concentración do sector gardando todas as medidas sanitarias na praza de María Pita, na Coruña (Nós Diario)
photo_camera Concentración do sector gardando todas as medidas sanitarias na praza de María Pita, na Coruña (Foto: Nós Diario)

Os salóns de peiteado, barbarías e centros de estética continúan reclamando unha rebaixa do imposto sobre o valor engadido (IVE) como sector esencial nesta pandemia. Hoxe levaron a súa reivindicación ás prazas galegas con concentracións en Lugo, A Coruña, Narón, Compostela, Pontevedra, Vigo, Tui e Ourense. Lembran que o impacto da actual situación xa implicou o fechamento duns 300 locais en 2020 e as perspectivas para este ano, sinalan, non son moi boas. 

Agustín Raña, portavoz do sector e da plataforma que organiza as mobilizacións na Galiza, explicaba á Cadena Ser desde a concentración en Compostela que "no tema de ser esenciais parece que o somos”, mais “de cara á galería porque seguimos co IVE do 21%". Lembra que "outros sectores esenciais, no ano 2014, viron reducido o IVE, mais nós levamos nove anos da mesma maneira".

Sector esencial tamén para a saúde na pandemia

Lourdes ten un salón de peiteado en Cuntis e sinala a Nós Diario que para ela "tal e como están as circunstancias sería lóxico que nos rebaixasen o IVE". Como tantos outros estabelecementos desta rama, ten aberto desde que se lles deu autorización o pasado 5 de maio de 2020. "Somos esenciais, fomos dos primeiros que abrimos", conta. A problemática destes negocios é que non contan coa mesma clientela que antes, perderon "case un 50% de traballo" mais seguen "pagando os mesmos impostos e todo o que leva manter o negocio", informa.

A función deste sector é algo máis que estética. A loita que tiveron para conseguir ser dos primeiros en abrir viña parella co seu outro papel na pandemia. "Formamos parte do ramo que ten moita relación coa saúde, coa necesidade de sentirse ben, necesario para todo o mundo", asegura Lourdes. Malia a baixada de ingresos, estes negocios non subiron os prezos, asumindo as perdas que teñen tamén como consecuencia de ter que pagar ese IVE.  

A falta de seguridade nun sector moi feminizado

Os salóns de peiteado, estética e barbarías están moi feminizados sexa a través do traballo autónomo como por conta allea. En moitos casos, os negocios deste sector dependen dunha soa persoa que afronta todos os custos. 

É o caso de Carol que foi autónoma con estabelecemento propio e tivo que deixalo para continuar no mesmo ramo mais para unha empresa. "Pasei de autónoma a traballadora por saúde e tamén te decatas de que estás desamparada, a pesar de pagar os teus impostos e a túa cota todos os meses", relata a Nós Diario. "Estar enferma sendo autónoma e poder seguir co teu negocio é un luxo que non todos nos podemos permitir", engade. 

Coincide en que impostos como IVE son "totalmente abusivos". Asegura que "estamos moi desamparadas, exíxennos algo que moitas veces é imposíbel de cumprir". Da súa experiencia como autónoma en Compostela quedoulle a sensación de que "como empresaria, traballaba para Facenda". Non entende que "en plena pandemia se nos considerase fundamentais, tendo que abrir, mais a pesar das queixas lóxicas seguimos co 21%", polo que "terían que aclararse, somos ou non somos de primeira necesidade?".

A negativa do PP ás axudas directas a este sector

O sector dos salóns de peiteado, barbarías e locais de estética demanda, a través da plataforma 'Crer en Nós', axudas directas para paliar a súa situación.

O pasado mes de marzo o PP impediu que prosperase no Parlamento galego unha iniciativa neste sentido presentada polo BNG, aínda que a propia Cámara aprobaba que o Executivo galego inste a demandar do Estado español a redución do IVE dos salóns de peiteado, pasando de 21% a 10%.

Comentarios