Os taxis de Compostela, entre os máis caros do Estado español

Un estudo de FACUA-Consumidores en Acción revela que o servizo é o oitavo máis prohibitivo a pesar de que non se incrementou o prezo do minuto con respecto ao ano anterior. Si subiron, aínda que de forma reducida, as tarifas en Vigo e Ourense.
Imaxe de arquivo dun taxi. (Foto: María José López / Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dun taxi. (Foto: María José López / Europa Press)

Malia a crise vivida o ano pasado -e que continúa activa- Compostela foi a oitava cidade na que resultou e resulta máis caro viaxar en taxi. Así o revela un informe de Facua-Consumidores en Acción, que destaca que a pesar dos custes, no municipio non subiron as taxas por minuto nin quilómetro percorrido.

Facua elaborou o informe en función "de nove percorridos distintos en cada cidade". "Neste sentido, calculouse e asignado unha puntuación ao prezo dun percorrido dun quilómetro (ou a carreira mínima  tarificada en cada cidade), outro de cinco e outro de dez quilómetros, en horario diúrno, nocturno e de fin de semana", concretaron fontes da organización.

Así, entre 56 grandes urbes analizadas, Compostela queda entre as dez primeiras. A baixada de bandeira nos vehículos da capital galega sae por 2,08 euros. A factura mínima é de 3,75 euros, sempre que non se decida chamar a este servizo en horario nocturno pois a carestía é de 5 euros.

O prezo por quilómetro é de 0,98 euros, pero a hora de agarda abeira os 20 euros.

A nivel doutras cidades do país Pontevedra ocupa a posición número 12 entre as máis cara; Ourense, o posto 15; Lugo, o posto 16; Vigo, o 19; e A Coruña, o 21.

De todos os territorios analizados, un pouco máis da metade (30) non modificaron as súas tarifas, entre elas, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e A Coruña.

A subida media foi do 0,8%. En Ourense, o incremento foi de 1,8%, e en Vigo, dun 1,4%. Na realidade isto tradúcese en que a mobilidade neste servizo público subiu dous céntimos e un céntimo por quilómetro máis, respectivamente.

Comentarios