A taxa de xeración eólica da Galiza supera a de todas as renovábeis no Estado español

Entre xaneiro e outubro, a Galiza produciu 142% da enerxía demandada.
Un camión especializado transporta pas destinadas á instalación de muíños de vento a través dunha autoestrada (Foto: M. Perfectti).
photo_camera Un camión especializado transporta pas destinadas á instalación de muíños de vento a través dunha autoestrada (Foto: M. Perfectti).

A produción renovábel supuxo en 2022 unha porcentaxe de 42,2% do 'mix' enerxético do Estado español, coa eólica como segunda fonte de xeración, alcanzando 22,2% do total, segundo os datos provisionais aportados por Rede Eléctrica (REE). O acumulado de produción anual a partir do vento, de 61.255 xigawatts por hora (XWh), superou en 1,2% á de todo 2021, estabelecéndose un máximo histórico da fonte renovábel.

Coa información dispoñíbel a data de hoxe, en decembro a eólica foi a principal tecnoloxía de xeración no Estado español. En concreto, a súa produción representou 25,3% do total do 'mix' (5.661 XWh). Os fortes ventos experimentados no conxunto do Estado español desde mediados de novembro provocaron que a produción eólica alcanzase "as súas maiores cotas en produción de electricidade", segundo REE.

Porén, os datos provisionais dispoñíbeis para a Galiza, até o 30 de setembro, aínda non recollen este período de produción récord da enerxía xerada a partir do vento. A pesar de non reflectir esta época de maior xeración, a estatística sitúa a Galiza moi por riba do Estado neste tipo de produción. 

Os datos provisionais entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de xeración eléctrica na Galiza mostran unha porcentaxe de produción eólica de 42,5% (por 20,8% no Estado), superior á taxa do conxunto de todas as renovábeis a nivel estatal no total do ano, aínda sen contar as previsións de mellora desta cifra na Galiza pola influencia do último trimestre.

En termos de produción enerxética total, nos tres primeiros trimestres do ano 2022, a ratio da produción sobre a demanda na Galiza foi de 142,3%, moi por riba da taxa estatal no mesmo período, cun saldo positivo de 110%.

A Galiza, á cabeza na xeración renovábel

Nese mesmo período, estímase que a produción renovábel alcanzou 61,2% do 'mix' enerxético da Galiza, 19 puntos porcentuais por riba da taxa do conxunto do sistema eléctrico estatal en todo 2022. Neste caso, tamén se prevé que a porcentaxe galega a final de ano sexa sensibelmente maior, pois alén da influencia dos ventos máis fortes habería que engadir a maior produción hidroeléctrica, "nun ano marcado por un forte descenso da produción hidráulica", segundo sinala REE, especialmente nos meses de verán de 2022 pola intensa seca.

De feito, a Galiza rexistrou en decembro 60% máis de precipitacións que os valores habituais nesta época do ano, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual de Meteogalicia. Tanto é así que as choivas rexistradas nas últimas semanas fixeron que os encoros galegos estean a 83,8% da súa capacidade total, un dato que contrasta coa media estatal, que se sitúa en 46,3%.

Desta forma, a hidráulica aumentou a súa produción a nivel estatal en decembro de 2022 13,8% con respecto ao mesmo mes de 2021, até os 2.887 XWh, mais fecha 2022 coa menor produción das últimas tres décadas debido á escaseza de choivas.
Aínda así, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, a xeración hidroeléctrica foi a terceira fonte enerxética galega, con 15,2% do total do 'mix' e tan só por detrás da eólica e do ciclo combinado. Nos tres primeiros trimestres do ano, até 17,2% da potencia hidráulica producida no Estado español tivo como procedencia a Galiza.

A demanda eléctrica estatal caeu 3,2% durante o ano 2022

Após as medidas instauradas polo Executivo estatal co gallo de reducir a demanda de electricidade, esta alcanzou os 250.596 XWh en 2022 no conxunto do Estado español, unha cifra que supón 2,3% menos que en 2021. Porén, unha vez corrixida a influencia do calendario e das temperaturas, a demanda no Estado resultou 3,2% inferior á rexistrada durante o ano 2021, segundo os datos proporcionados esta cuarta feira por Rede Eléctrica (REE).

Comentarios