A taxa de cobertura por desemprego en Galiza cae a mínimos históricos

É do 50,2% mentres que no Estado español, do 53%. A prestación media bruta en Galiza é 280 euros anuais máis baixa que no Estado español.

Desemprego

A cifra de persoas beneficiarias con prestacións por desemprego en Galiza en maio de 2016 (último dato dispoñible) é de 101.453. A taxa de cobertura é do 50,2 por cento, mentres que no Estado é do 52,9 por cento. A contía media bruta da prestación contributiva percibida por beneficiario en Galiza durante é de 780,7  euros, o que supón 240 euros menos ao ano que a prestación media no Estado español(802,3 euros ao mes).

Hai 120.000 parados sen ningún tipo de cobertura en Galiza, o 54 por cento das persoas rexistradas no desemprego. Persoas que non perciben ningunha axuda. o que fai que a exclusión social sexa unha realidade á porta. “A taxa de cobertura de desemprego está en mínimos históricos”, advirten os sindicatos, alertando da fenda social que se alarga no noso país.

Desde o mes de maio de 2015 hai 12.381 persoas menos percibindo prestacións por desemprego (un descenso de case o 11%) e o gasto nesas prestacións baixou un 9,6 %. As prestacións asistenciais seguen superando as contributivas. No mes de maio de 2016 había 101.453 persoas a cobrar unha prestación por desemprego: 49.511 percibían un subsidio por desemprego (case o 49 % do total das prestacións), 39.421 contributivas (o 39 % do total), 11.561 a renda activa de inserción e 960 correspondían ao programa de activación de emprego.

“O mercado laboral, ao retomar unha senda de mellora, beneficia moito máis aos homes”

A redución do paro rexistrado en xuño en Galiza foi case idéntica en homes e mulleres. Mais isto non é o habitual. Elas representan o 55% das persoas no desemprego, dez puntos máis que os homes. Se facemos unha comparación interanual, “a recuperación das cifras de desemprego beneficia moito máis a homes que a mulleres”, afirman desde UGT. Este sindicato indica que os varóns contraen a cifra de desempregados nun 10,5 por cento fronte á menor caída, o 8,65  por cento, nas mulleres. “O mercado laboral ao retomar unha senda de mellora beneficia moito máis aos homes, a desigualdade segue presente”.

Comentarios