O Supremo decide que Facenda devolva a Amancio Ortega 215.000 euros do imposto sobre sociedades

Pola liquidación do imposto sobre sociedades correspondente ao exercicio 2014 da súa firma de hípica Grilse, absorbida por Pontegadea España.
O multimillonario Amancio Ortega. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Supremo decidiu que a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) devolva ao fundador de Inditex, Amancio Ortega, un total de 214.842,82 euros pola liquidación do imposto sobre sociedades correspondente ao exercicio 2014 da súa firma de hípica Grilse, absorbida por Pontegadea España.

En concreto, o alto tribunal estimou o recurso presentado pola sociedade propietaria do centro hípico Casas Novas, situada en Arteixo,  contra unha resolución da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Segundo o Supremo, a "controversia" sobre a  deducibilidade dos intereses de demora tributarios céntrase na regularización practicada pola inspección tributaria como consecuencia da acta subscrita o 21 de xuño de 2016, na que non se admite a cualificación como partida  deducíbel que a entidade recorrente atribuíra a uns intereses de demora liquidados nunha inspección realizada no exercicio 2014, e que fora formalizada o 17 de novembro de 2014 mediante a subscrición dunha acta con acordo.

En concreto, e como consecuencia da devandita regularización practicada no exercicio 2014, resultaron uns intereses de demora por importe de 214.842,82 euros que a sociedade considerou como partida  deducíbel no imposto de sociedades de 2014.

A acta estendida o 21 de xuño de 2016 regulariza esa consideración dos intereses de demora como partida  deducíbel, non permitindo a súa dedución, criterio que é confirmado polo acordo de liquidación do 31 de outubro de 2016, do que resulta unha débeda para ingresar de 67.679,90 euros, correspondendo 64.452,85 euros a cota tributaria e 3.227,05 euros a intereses de demora.

A pesar diso, agora o Supremo sinala na súa sentenza que a efectos do imposto sobre sociedades, os intereses de demora, sexan os que se esixan na liquidación practicada nun procedemento de comprobación ou sexan os devindicados pola suspensión da execución do acto administrativo impugnado, "teñen a consideración de gasto  fiscalmente  deducíbel, atendida a súa natureza xurídica, co alcance e límites que se expuxeron".

Forbes publica esta terza feira a súa lista sobre as 100 grandes fortunas do Estado español e nela continúa no cumio Amancio Ortega, cunha fortuna de 67.000 millóns de euros, 10.000 millóns máis dos que tiña no ano pasado, 2020.

Comentarios