A suposta fraude da patronal galega nos anos 90 chega esta cuarta feira a xuízo

A Fiscalía pide catro anos de prisión e unha multa de dous millóns de euros para Rafael Sánchez Sostre, secretario da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) até o ano 2000 e principal acusado, por un presunto delito de fraude de subvencións.
Rafael Sánchez Sostre, secretario da CEG até o ano 2000 e principal acusado, no xuízo de 2019 que finalmente se adiou (Foto: Europa Press).
photo_camera Rafael Sánchez Sostre, secretario da CEG até o ano 2000 e principal acusado, no xuízo de 2019 que finalmente se adiou (Foto: Europa Press).

O xuízo sobre a suposta fraude millonaria de subvencións ocorrido na Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) a finais da década dos noventa chega por fin a xuízo. Logo de varias suspensións, a última en 2019 por "traspapelárense" miles de folios, o xuízo comezará esta cuarta feira, 19 de xaneiro, na Sección da Sexta Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Compostela, onde decorrerá ao longo de tres xornadas.

As defensas alegaron, en setembro de 2019, "indefensión" ao non poder acceder a 21 tomos da causa —a cantidade total oscila entre os 6.000 e os 9.000 folios en función do que di cada parte—. Por iso reclamaron unha suspensión, á que accedeu o tribunal.

Para o principal acusado, o que até o ano 2000 foi secretario da patronal galega, Rafael Sánchez Sostre, Fiscalía pide catro anos de prisión e unha multa de dous millóns de euros por un delito de fraude de subvencións. Os outros oito acusados enfróntanse a peticións de dous anos de prisión —e multas que oscilan entre os 50.000 e os 500.000 euros—.

Entre eles hai socios, xestores e representantes de empresas organizadoras de cursos de formación por supostamente apropiárense de fondos públicos destinados para ese efecto entre os anos 1996 e 1999.

Para exemplificar a dilación neste proceso, o avogado principal acusado dicía en 2019 que comezou con 40 anos na causa e por entón tiña 59. "Voume xubilar antes de que remate", afirmaba, nunha intervención na que pedía a prescrición dos delitos.

Acusación da Fiscalía

De acordo con Fiscalía, todos os acusados, "coa finalidade de conseguir un beneficio patrimonial", teríanse apropiado de fondos públicos xustificados a través de "cursos non realizados", facturas "dobradas" e a "imputación excesiva de custo" de profesorado, aulas e manuais didácticos, alén doutros "excesos contábeis".

Neste contexto, considérase Sánchez Sostre, por aquel entón secretario da CEG, como o "máximo responsábel" da trama e de ser o "encargado de tramitar e dar cumprida conta" entre os anos 1997 e 1999 de subvencións ascendentes a varios millóns de euros e procedentes de fondos europeos, correspondentes a plans de formación que xestionaba o INEM —a través da Fundación para a Formación Continua (Forcem)— ou convocaba a Xunta.

A CEG pide "pasar páxina"

O actual presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, manifestou esta cuarta feira a intención desta entidade de "pasar páxina" o antes posíbel a respecto deste suceso que agora se está a xulgar, que datan de hai "vinte e pico anos".

"Estas cousas nunca son agradábeis e hai que afrontalas, e no actual equipo de gobernanza da CEG somos conscientes", defendeu, convencido de que superarán "ben" este xuízo.

Comentarios