Os supermercados volven á normalidade após a psicose inicial polo coronavirus

Após varias xornadas nas que a xente acudía en masa a levar canto produto collese no carro da compra, os supermercados galegos volven a recuperar a normalidade e o subministro de determinados artigos.
Xente agardando para acceder a un supermercado (Arxina).
photo_camera Xente agardando para acceder a un supermercado (Arxina).

O papel hixiénico é sin dúbida un dos grandes protagonistas da crise provocada pola epidemia de coronavirus (COVID-19). Se hai uns días a xente facía cola ante os estabelecementos comerciais para facerse cun paquete de rollos de papel, hoxe son un produto que mesmo desborda os andeis dos supermercados e comeza a ocupar calquera recuncho nos corredores das tendas de alimentación. É unha proba de que a psicose inicial xa pasou. 

Pero nestes días, o feito de ir á compra tamén mudou considerábelmente. É normal ver á xente ás portas dos supermercados, pero desta vez como medida de seguridade, xa que non está permitido superar un tercio da capacidade do estabelecemento. Na porta, as propias cadeas de distribución subministran guantes de un só uso para que as clientas non toquen directamente a mercadoría. 

Como explica a Nós Diario a encargada dun destes supermercados, "as medidas chegaron, pero tiñan que estar xa en vigor desde a pasada cuarta feira". Faino mentres controla o acceso ao local e recomenda ás clientas gardar unha distancia de seguridade de metro e medio. Outra das responsábeis do supermercado agarda na liña de caixas, onde pon orde para que a xente non se amoree á hora de pagar as súas compras. 

Nas caixas, as traballadoras do estabelecemento atenden con máscaras e contan cun bote de desinfectante para botar de cando en vez. "O que menos nos gustou foi que as clientas nos acusaran de esconder produtos. Véndese todo o que hai, pero tamén temos que velar pola seguridade das nosas traballadoras", apunta a encargada.

"As clientas chegáronnos a acusar de esconder os produtos, e iso non nos gustou".

A mesma situación pode atoparse en calquera das tres grandes cadeas de distribución do país, Froiz, Gadis e Vegalsa-Eroski. Todas afirman que non hai problema algún de abastecemento nin contan con que o haxa. O que si, recoñecen que as medidas de seguridade están a atrasar algunhas das entregas. En canto aos pedidos, ningunha alteración no reparto, coa única excepción de que se elimina o contacto entre persoas.

Pendentes do Goberno español

Na xestión da crise, as empresas galegas de distribución, cuxa presencia na rede é aínda bastante testemuñal, estabelecen os seus protocolos en función do que determina a Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados (Asedas). Desde a entidade, fan un chamamento ás compras "responsábeis" até que se coñezan as novas medidas económicas e laborais que pensa adoitar o Goberno español no Consello de Ministras desta terza feira.

Neste senso, lembran a importancia de saír a mercar só se é indispensábel, non facelo acompañado de nenos, anciáns ou colectivos vulnerábeis, levar guantes, acudir só unha persoa por unidade familiar e intentar pagar con tarxeta de crédito para evitar os contactos.

Galiza ten a sorte de contar cun amplo número de produtores locais, o que fai que o abastecemento estea garantido na práctica. A iso hai que sumar a "grande capilaridade" dos supermercados no territorio galego, o que unido á "eficiencia das súas plataformas loxísticas e ao compromiso das súas traballadoras, que están a actuar de forma exemplar", fan que as consumidoras teñan garantido o subministro de produtos de primeira necesidade, sinala Ignacio García Magarzo, director xeral de Asedas, quen fai un chamamento "á calma e a non facer acopio innecesario de alimentos".

Minimizar riscos

Segundo un estudo da consultora Nielsen, na primeira semana do mes de marzo, antes de que se decretara a alerta sanitaria, as vendas de produtos de gran consumo disparáronse 8,4% en relación ao mesmo período do ano anterior. 

Os produtos frescos e os de hixiene persoal, como termómetros clínicos e xabón de mans, foron os máis demandados como consecuencia da expansión do coronavirus no Estado español. A carne foi dos alimentos frescos máis demandados, en parte pola súa posibilidade de ser conxelada en previsión de que a situación se prolongue no tempo, apuntan desde a consultora.

Pero os datos que máis chaman a atención son o incremento de vendas de produtos como termómetros clínicos, que se dispararon 262%, ou o xabón de mans, que o fixo 166%. Por detrás deles sitúanse as toalliñas corporais, con 49% máis de vendas, e os panos, con 22%.

As clientas extreman cada vez máis as precaucións. De aí que as vendas por Internet tamén subisen con forza na primeira semana dos mes. As operacións polo canal 'online' aumentaron 39,3%, seguindo a estela dos días previos, nos que tamén creceu a dobre díxito. 

Porén, na Galiza a xente segue a preferir a tenda física, onde de momento o subministro está garantido. Iso sí, as traballadoras piden que se teña en conta o grado de exposición ao contaxio ao que están sometidas á hora de desenvolver a súa labor, polo que piden aos cidadáns "paciencia" e o cumprimento "estrito" das normas que se estabelezan.

Comentarios