Os supermercados consideran "inaplicábel" un prezo máximo aos alimentos após encareceren 15,4%

A vicepresidenta Yolanda Díaz e diferentes forzas parlamentarias, como o BNG ou o propio socio de goberno do PSOE, Unidas Podemos, defenden medidas de intervención do sector que rexeita o ministro Planas: "Se non están de acordo cos prezos poden ir ao supermercado de en fronte", dixo recentemente.
Mercadona é unha das compañías que representa a patronal Asedas. (Foto: Nós Diario)

#supermercados #alimentos #alimentación
photo_camera Mercadona é unha das compañías que representa a patronal Asedas. (Foto: Nós Diario)

Os supermercados consideran "inaplicábel" a medida proposta pola vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, de aplicar a Lei do Comercio Retallista para fixar os prezos dos produtos de alimentación, xa que cren que sería "moi mala" para o sector produtor. Os alimentos encareceron até 15,4% en xaneiro en comparanza co mesmo mes de 2022, o que supón que, de media, se un produto custaba hai un ano 10 euros, hoxe custa 11,54 euros.

"É unha idea que está enriba da mesa da vicepresidenta Díaz desde setembro. Trátase dunha lei que se aplicou nalgunhas ocasións como para estabelecer o prezo único das máscaras, pero o sector alimentario é moi complexo e sinceramente non a vexo aplicábel", asegurou esta cuarta feira o director xeral dunha das patronais dos supermercados, Asedas, Ignacio García Magarzo, en declaracións á canle 24 Horas.

O directivo da patronal de supermercados, que ten entre os seus asociados Mercadona, Lidl, Coviran ou Dia, entre outros, sinalou que sería "moi complicado" decretar en que produtos limitar o prezo. "Explicouno o Goberno, que iso sería moi malo para o sector. Somos dos primeiros produtores de alimentos do mundo e principais exportadores. Fixar uns límites de prezos probabelmente condenaría a problemas de rendibilidade e abastecemento non só aos distribuidores, senón tamén aos produtores", xustificou.

Refírese o empresario neste punto á negativa por parte do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a adoptar esta medida, que esta segunda feira definiu como "absolutamente irreal". "Se non están de acordo cos prezos poden ir ao supermercado de en fronte", dixo, incidindo en que o sector da distribución no Estado español é "tremendamente competitivo".

Estas declaracións suscitaron unha morea de reaccións das forzas parlamentarias do Congreso, mesmo por parte dos seus socios de goberno, Unidas Podemos, criticando a "falta de medidas" para paliar a inflación. Tamén o deputado e portavoz do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, lamentou a "inaudita" a actitude do ministro por "pretender que as grandes distribuidoras teñan empatía social".

Cuestionado sobre se os supermercados estarían dispostos a negociar unha cesta básica de compra, García Magarzo explicou esta cuarta feira que os prezos da alimentación "subiron moito máis tarde que o IPC porque a competencia fixo que as marxes de toda a cadea soportase un incremento de custos moi importante", cuestión tamén defendida por Planas. "A boa noticia é que eses factores que tensaban á alza os prezos están a baixar", engadiu o representante de Asedas.

Tamén lamentou que se fale de "oligopolio" no sector da distribución. "Non só non o hai, senón que a competencia é moito maior que noutros países europeos, grazas a que hai unha menor concentración e máis empresas entre as que elixir. En España temos cadeas rexionais, que teñen un peso importante, de ámbito estatal e internacionais, e 40% do comercio de produtos frescos está en mans do comercio tradicional e mercados", xustificou.

"O sector está moi repartido e en ningún caso podemos falar de oligopolios. As autoridades de Competencia explicaron que aquí hai máis competencia e iso permite unha capacidade de elección dos consumidores e asegura que os prezos se forman dunha maneira eficiente", subliñou. Por iso, o director xeral de Asedas incidiu en que no Estado español o que existe é un "grave problema de custos" e que esta é "a mesma cadea alimentaria que mantivo os prezos da alimentación estábeis nos últimos 20 anos".

Comentarios