A suba dos prezos quenta a principal operación saída das vacacións de verán

Centos de familias galegas teñen pensado coller o coche esta fin de semana para iniciar as vacacións ou para visitar a familia coincidindo coa ponte festiva. Un motivo de desfrute que, porén, pode verse afectado pola alza dos prezos nos hoteis e na hostalaría, e tamén nos combustíbeis e na luz, en máximos.
En 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Punto GA / M. Riopa)
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Punto GA / M. Riopa)

Esta fin de semana de agosto é a elixida por moitas galegas e galegos para dar comezo ás súas vacacións estivais. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), están previstos mais de 593.000 desprazamentos na rede viaria do noroeste, na que se inclúe Galiza, no marco da operación especial que deu comezo esta sexta feira. Son 120.000 máis que os previstos na anterior operación saída, a do pasado 1 de agosto.

A autoridade de Tráfico avisa dunha trintena de puntos conflitivos nas estradas galegas, como poden ser os accesos ás cidades, as zonas costeiras, ou o alto do Fiouco, na Autovía do Cantábrico (A-8), onde a néboa adoita complicar a circulación.

Pero a situación do tráfico de entrada e saída non será ao único ao que teñan que prestar atención as persoas que comecen agora as súas vacacións. A carteira tamén alerta de perigos.

Unha das operacións máis habituais nos desprazamentos en vehículo privado é encher o depósito. Desta vez, facelo será até 22,5% máis caro que hai un ano no caso dos vehículos de gasolina e 19% nos de gasóleo. 

Do desgusto tampouco se libran os eléctricos, que verán como cargar as baterías será notabelmente máis caro que en 2020, e máis despois de fechar unha semana na que día tras día se superaban os máximos históricos no mercado. Con todo, este sábado o prezo medio baixará lixeiramente, até os 114,63 euros megawatt hora (MWh), fronte aos 117,29 euros de media que marcaba esta sexta feira.

Un incremento de prezos máis acusado na Galiza

Esta sexta feira, 13 de agosto, o Instituto Nacional de Estatística (INE) daba a coñecer os datos do Índice de Prezos de Consumo (IPC) do mes de xullo, que descenderon 0,8% respecto aos do mes anterior, pero que escalan en taxa interanual ─con respecto a xullo de 2020─ un 3,5%, seis décimas por riba do crecemento rexistrado de media no Estado español, que se situou o pasado mes no 2,9%.

Os prezos suman na Galiza catro meses de subas interanuais consecutivas, pois desde a baixada de 0,2% rexistrada en febreiro, subiron 1,7% en marzo, 2,7% en abril, 3,3% tanto en maio como en xuño e agora 3,5%.

Como recolle o INE, entre os capítulos con subas máis pronunciadas destacan a vivenda (11,3%) e ao transporte (9,4%). En variación mensual, os maiores incrementos foron os de hoteis, cafés e restaurantes (1%) e transporte (0,8%), xustamente as actividades máis ligadas ao turismo e ás que recorrerán boa parte das veraneantes que agora inician as súas vacacións.

Do lado contrario, o IPC rexistrou baixadas anuais en comunicacións (-3%), bebidas alcohólicas e tabaco (-1,3%). En comparación con xuño, os prezos baixaron 12,4% en vestido e calzado e 0,8% en bebidas alcohólicas e tabaco.

Boa planificación para evitar sorpresas

Co gallo de evitar sorpresas, as persoas expertas recomendan planificar ben a viaxe antes de saír, analizar os gastos fixos nos desprazamentos e comparar prezos, por exemplo nas gasolineiras, onde as diferencias poden ser significativas.

Facer as reservas con tempo nos aloxamentos turísticos tamén axuda a reducir a factura das vacacións. Neste ano, pola cambiante evolución da Covid-19, moitos estabelecementos ofrecen a posibilidade de modificar ou cancelar a reserva sen custo engadido até a véspera da chegada, por se xurde algún imprevisto.

As expertas tamén inciden na necesidade de revisar ben a casa antes de marchar de viaxe e, sobre todo, agora que o prezo da luz anda disparado, non deixar conectado ningún aparello electrónico que non sexa estritamente necesario. Neste senso, recomendan desconectar termos eléctricos ou frigoríficos ─se imos marchar varios días─, xa que son os que máis enerxía consumen, mesmo cando non están a pleno rendemento.

Así pois, nesta ponte festiva, con celebracións estivais en moitas vilas e cidades do país, cómpre prestar máis que nunca atención á carteira e confiar en que as subas de prezos tendan á moderación para que o regreso das vacacións non se faga aínda máis costa arriba.

Comentarios