A suba de prezos na Galiza supera en 2,5 puntos o récord da zona euro

A inflación da UE dispárase e alcanza 9,6% en xuño.
A suba interanual dos alimentos frescos na zona euro foi de 11,2%. (Foto: Europa Press)
photo_camera A suba interanual dos alimentos frescos na zona euro foi de 11,2%. (Foto: Europa Press)

A taxa de inflación interanual da zona euro situouse en xuño en 8,6%, fronte á cifra de 8,1% rexistrada en maio, no que supón o maior encarecemento dos prezos na área da moeda de toda a serie histórica e máis de catro veces a meta de estabilidade de prezos de 2% do Banco Central Europeo (BCE), segundo os datos da oficina comunitaria de estatística, Eurostat.

Pola súa parte, no conxunto da Unión Europea (UE), a escalada dos prezos acelerouse en xuño até 9,6% desde o 8,8% do mes anterior e moi por encima do 2,2% rexistrado hai un ano.

A pesar dos históricos datos de inflación, a cifra alcanzada pola Galiza nese mesmo mes de xuño, de 11,1%, superou a da UE en 1,5 puntos e 2,5 puntos a da zona euro.

Así, a Galiza superou a suba de prezos experimentada no conxunto do Estado español (10%), así como a de todos os Estados da contorna occidental da zona euro: Francia (6,5%), Alemaña (8,2%), Italia (8,5%),  Portugal (9%), Irlanda (9,6%), Países Baixos (9,9%), Luxemburgo (10,3%) e Bélxica (10,5%).

Enerxía e alimentación

Segundo a oficina estatística comunitaria, a imparábel escalada dos prezos da zona euro no sexto mes de 2022 respondeu á suba interanual de 42% do prezo da enerxía, que se acelerou desde a cifra de 39,1% de maio, mentres que o incremento do prezo dos alimentos frescos en xuño foi de 11,2% interanual, cando en maio fora de 9%.

Á súa vez, os servizos encarecéronse un 3,4% interanual, unha décima menos que o mes anterior, mentres que os prezos dos bens industriais non enerxéticos subiron un 4,3%, fronte ao 4,2% de maio.

Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa de inflación interanual da zona euro situouse en xuño en 4,9%, fronte á porcentaxe de 4,6% do mes anterior.

Pola súa parte, ao deixar fóra tamén o efecto dos prezos dos alimentos frescos, o alcol e o tabaco, a taxa de inflación subxacente situouse en 3,7%, unha décima por baixo da marca da cifra de 3,8% rexistrada en maio.

Comentarios