A suba dos prezos duplica a dos salarios

O aumento dos prezos está a pór contra as cordas a economía de moitas familias galegas. Neste sentido, a alza do Índice de Prezos do Consumo (IPC) rexistrada no último ano xa duplica os incrementos salariais acordados nos convenios laborais de 2021. A perda do poder adquisitivo non dá tregua ás rendas máis baixas.
A suba dos prezos déixase notar no cesto da compra. (Foto: Europa Press)
photo_camera A suba dos prezos déixase notar no cesto da compra. (Foto: Europa Press)

Os prezos rexistraron en xullo na Galiza unha suba interanual de 3,5%. A súa alza estivo motivada por un ascenso xeneralizado na práctica totalidade de compoñentes analizados para determinar o Índice de Prezos do Consumo (IPC), destacando entre eles o incremento do custo da electricidade e dos combustíbeis en 24%, dous puntos por riba da media do Estado. 

Na mesma liña, resultou relevante o incremento dos transportes en 9% e dos alimentos, superando no caso do peixe, dos ovos, do polo e do ovino o 4%. De feito, a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) afirmou que “a suba do cesto da compra [galego] foi a máis pronunciada da península” e advertiu que “de seguir esta tendencia podería chegar a duplicarse o seu o custo para o fechamento do ano”.

O indicador adiantado do IPC avanzado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) estima unha suba interanual dos prezos de 3,3% para o conxunto do Estado no mes de agosto. Porén, na Galiza agárdase unha alza máis elevada dos prezos, na liña do acontecido nos últimos meses, en que a inflación estivo sempre por diante dos indicadores estatais. En xullo o IPC subiu seis décimas por riba da media estatal, só superando o incremento da Galiza a comunidade de Castela-A Mancha, cun crecemento de 3,6%. Así as cousas, algunhas previsións sitúan a alza dos prezos na Galiza para finais de agosto en perto de 4%.

A inflación real multiplica practicamente por catro as estimacións recollidas nos orzamentos xerais do Estado de 2021. As contas públicas aprobadas polo Congreso dos Deputados en decembro de 2020 prevén unha suba do IPC de 0,9%, cifra claramente superada ao longo deste ano e cuxo impacto resulta máis gravoso naqueles territorios onde a desviación dos prezos é maior á media estatal. Malia o efecto das cláusulas de revisión recollidas nos acordos de pensións e nos convenios para mitigar os desaxustes da inflación prevista, as consecuencias destes desfases déixanse notar máis alá das variábeis macroeconómicas.

A perda de poder adquisitivo

A suba dos prezos afecta á perda do poder adquisitivo. Segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, a 31 de xullo estaban asinados na Galiza 137 convenios colectivos que daban cobertura a 140.571 traballadoras e traballadores, cunha suba salarial pactada de 1,82%, practicamente a metade da suba 
dos prezos. 

Pola súa banda, os convenios vixentes negociados no ano 2019 recollían unha alza media das retribucións de 2,08% e os acordados do ano 2020 de 1,81%, sendo, tamén, nestes casos importante a diferenza con relación á inflación. A falla de cuantificar o impacto da suba dos prezos na economía das traballadoras e dos traballadores por conta propia, resulta clara a imposibilidade de repercutir o aumento dos custos de explotación de maneira total á súa clientela. 

A caída do poder de compra vense manifestando desde o comezo da pandemia. Segundo un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE), os salarios reducíronse na Galiza en 2020 nun 4,3%, certificando unha baixada só superada en toda a serie histórica en 2012, cando rexistraron unha contracción de 6,5%. 

Esta caída superou a media da Unión Europea (UE), declarando só Italia, cunha redución de 7%, uns números peores que a Galiza. Neste sentido, os economistas da Universidade, Complutense de Madrid Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez e o profesor de Oxford Juan Cesar Palomino sinalaron que o descenso dos salarios foi moito máis acentuado entre a poboación con menos recursos, salientando que “os individuos que xa eran pobres antes da Covid-19 sofren as maiores perdas salariais”.

O comportamento dos prezos introduce dúbidas sobre o incremento do Salario Mínimo Profesional (SMI) proposto desde o Goberno do Estado. A subida de 12 a 19 euros mensuais do SMI suxerida polo presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, é considerada insuficiente por unha parte dos axentes sociais, críticos cunha medida que non toma en consideración o novo escenario provocado pola inflación. 

Nesta liña, advirten que o incremento formulado desde a comisión de expertos do Ministerio de Traballo non ten en conta o comportamento real do Índice de Prezos de Consumo e dificulta chegar ao obxectivo de representar o 60% do salario medio. A este respecto, lembran que a alza dos prezos afecta de maneira particular ás rendas máis baixas, as mesmas que rexistran as caídas máis importantes das retribucións.

A inflación como coartada

A actual alza dos prezos está impugnando a explicación da inflación elaborada por unha parte da doutrina económica. Neste caso, a suba do IPC está ligada ao incremento da factura eléctrica e non ás políticas monetarias expansivas.

Comentarios