A suba do SMI beneficia na Galiza 7% dos traballadores a tempo completo e 11% dos de a tempo parcial

Un estudo de CCOO indica que no noso país as mulleres, as persoas mozas e as asalariadas a tempo parcial no sector servizos van ser as máis beneficiarias da suba do salario mínimo.

 

O salario mínimo interprofesional (SMI) aumentou en 2019 en 22,3%, pasando de 730 euros brutos mensuais en 14 pagas a 900 euros. Unha suba que, calcula Comisións Obreiras, puido beneficiar no conxunto do Estado 1.200.000 persoas asalariadas. O sindicato vén de publicar un completo informe, ‘La subida del salario mínimo en 2019’, no que debulla o impacto dese incremento por sectores e territorios. No que atinxe a Galiza, afirma o estudo que a medida ten como potenciais beneficiarios 8% da poboación asalariada: 7% dos traballadores e traballadoras a xornada completa e 10,8% dos traballadores e traballadoras a xornada parcial. Unha porcentaxe, ese 8%, superior á media española (7,4%). Tendo en conta que as persoas afiliadas á Seguridade Social no Réxime Común en Galiza son por volta de 755.000e que a suba beneficia, calcula CCOO, 8%, iso implica 53.000 persoas asalariadas.

Muller, do sector servizos , con contrato temporal e menor de 25 anos. Ese é un dos perfís de beneficiario do aumento do SMI na Galiza que recolle o estudo do sindicato. Por sectores, o novo salario ten máis potenciais beneficiarios en servizos (8,5% das asalariadas), Construción e servizos (7%) e Industria (5,9%). En sanidade e servizos sanitarios beneficiará 5% dos seus asalariados e asalariadas.

O estudo sitúa como potenciais beneficiarios da suba do SMI na Galiza 8% da poboación asalariada, superior á media española (7,4%)

Por sexos, 9,3% das traballadoras e 5,4% dos traballadores que hai no noso país poden beneficiarse con esa suba. A nivel de Estado as porcentaxes son de 8,1 e 6,2% respectivamente. Por idade, as máis novas serían as máis afectadas por esta suba: 19% daquelas persoas asalariadas que teñan entre 16 e 24 anos; 11% das de entre 25 e 32 anos, e 6% das que posúen entre 33 e 44, son potenciais beneficiarios do incremento do SMI.

En canto ao tipo de empresas, e sempre segundo esteinforme, nas sociedades de menos de 5 traballadores e traballadoras son potenciais beneficiarios 13% do persoal; mentres que de 6 a 10 persoas asalariadas beneficiaríase 10,6% do persoal; de 11 a 50, o 7% e nas empresas de 51 a 100 traballadores, o 5%.

Por último, por tipo de contrato. A suba do SMI ten os seus principais beneficiarios naqueles asalariados que teñen contrato temporal: 10,4% deles son potenciais afectados por este incremento. Entre os traballadores con contrato fixo /discontínuo é 11,6%: E entre os indefinidos, 5%.

Un terzo

Un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo. Este grupo aumentou en 5 puntos desde 2009. O de ingresos inferiores á metade do SMI, supón 18% das persoas asalariadas no noso país. Máis de 302.000  traballadores menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego. Son datos dun estudo da CIG sobre salarios. 

Comentarios