A suba do prezo da enerxía volve pór en risco o futuro da industria galega

O IPC na Galiza experimentou no mes de marzo unha das maiores subas, de 1,7%, catro décimas por riba da media do Estado español. 

A factura enerxética condiciona o futuro da industria galega (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A factura enerxética condiciona o futuro da industria galega (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O índice de prezos de consumo (IPC) na Galiza apuntou en marzo unha das maiores subidas, de 1,7%, catro décimas por enriba da media estatal. 

Detrás desta alza está, entre outros factores, o aumento do prezo da enerxía e os combustíbeis. De feito, os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística revelan que o transporte é o sector no que máis aumentaron os prezos, 4,9% no que vai de ano e 4,3% se se compara co mesmo período de 2020.

A crise do canal de Suez pasou factura ao comercio internacional de petróleo, o que sumado á escasa demanda levou a empresas como Repsol a reducir a produción, o que no caso da Galiza se traduce nun ERTE para 212 traballadores e traballadoras da refinaría da Coruña.

Pero o combustíbel do transporte non é o único que sobe no que vai de ano. Segundo os datos do último barómetro da Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE), o prezo da enerxía aumentou 46% no que vai de ano, o que supón unha nova lousa para a industria electrointensiva galega.

Empresas como Alcoa, Megasa, Celsa Atlántic (que pediu o rescate ao Goberno español), Alu Ibérica, Ferroatlántica ou Xeal pagan agora 65,9 euros por megavatio (MW), o dobre do que paga unha compañía francesa (32,92 euros) e máis dun 50% por riba do que paga unha alemá (41,15 euros).

Ao aumento do prezo da enerxía, após un 2020 con valores asumíbeis para a industria, súmase outro factor determinante para boa parte destas compañías, como é o custo das emisións de CO2. Se a principios de ano se pagaban arredor de 30 euros por tonelada, os datos do último barómetro de AEGE ─con data 12 de abril─ sitúan o seu prezo nos 43,6 euros.

Ante este escenario, a viabilidade dalgúns proxectos, como o aproveitamento de biorresiduos para a produción enerxética na central das Pontes, semella se cabe máis complexa. 

Procura de alternativas

Desde o Ministerio de Industria púxose en marcha hai uns meses unha liña de axudas para facilitar a compra de enerxía verde na industria. Este sería un paso intermedio antes de contar cun estatuto que regule dunha vez por todas a fixación do prezo da enerxía para as industrias electrointensivas. 

Algunhas delas, como é o caso de Alcoa en San Cibrao (Cervo), poderían solucionar este problema da man dunha planta de hidróxeno verde asociada a un parque eólico, unha posibilidade que mesmo contempla nos seus plans a británica Liberty House, potencial compradora da planta, para mellorar a eficiencia nos procesos de produción. 

As renovábeis e algúns dos proxectos ligados aos fondos europeos poderían ser unha saída para abaratar o prezo da enerxía. Aínda así, farían falla outro tipo de mecanismos para baixar o prezo do megavatio para a industria electrointensiva até valores que fagan rendíbel a súa actividade e, sobre todo, competitiva fronte ao resto de territorios da Unión Europea.

En outubro de 2020, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cuestionado sobre a situación de Alcoa, recoñecía que "a 45 euros o megavatio non se pode producir unha tonelada de aluminio. É imposíbel", aseguraba, e suxería, situalo entre "30 e 35 euros", prezos como os que manexan en Francia na actualidade.

Outra das vías para rebaixar a factura eléctrica pasa por mellorar a eficiencia enerxética dos procesos de fabricación.

Abandono do fuel óleo 

Nesta liña, Alu Ibérica, herdeira das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés e inmersa nunha investigación por parte da Audiencia Nacional, vén de anunciar que retomará nas vindeiras datas as obras na factoría coruñesa para  a transición a gas natural, uns traballos que, segundo a empresa, "se detiveron como consecuencia da folga na factoría, que fixo imposíbel o acceso ás instalacións". 

A dirección da compañía destaca nun comunicado que esta transformación é "un fito chave" para abandonar definitivamente o fuel óleo como combustíbel nos fornos e, ao mesmo tempo, adaptar a planta á normativa europea en materia de emisións e eficiencia enerxética.

Nas próximas semanas, colocaranse as tubaxes e as válvulas de entrada en fundición e comezará a instalación na liña de fornos 1A. "A adaptación destes equipos durará aproximadamente 90 días, mantendo a produción na liña de fornos 1B. Unha vez concluídos os traballos na liña 1A, efectuarase a mesma adaptación dos fornos 1B e, finalizada dita mellora, alcanzarase a plena normalidade na capacidade de produción", explican desde a compañía.

Comentarios