Tres anos en números vermellos cuestionan a viabilidade de Strategic Minerals

Un informe dunha compañía auditora sinala que "existen incertezas materiais que provocan dúbidas significativas" sobre a capacidade económica da empresa que explotará a mina de coltán de Viana do Bolo.
Mina de Penouta, en Viana do Bolo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mina da Penouta, en Viana do Bolo. (Foto: Nós Diario)

Strategic Minerals, a empresa á que a Xunta da Galiza vén de autorizar un proxecto de extracción de coltán en Viana do Bolo, fechou os catro últimos exercicios contábeis en números vermellos.

Así se desprende dos propios balances anuais e auditorías achegados pola compañía, aos que tivo acceso Nós Diario, que amosan un resultado negativo de 2.963.803 dólares estadounidenses en 2021 —uns 2,84 millóns de euros ao cambio actual—.

Segundo consta no informe elaborado pola empresa auditora McGovern Hurley para as persoas accionistas, cuestiona a viabilidade da mineira a longo prazo: "A compañía incorreu nunha perda neta durante o ano rematado o 31 de decembro de 2021, e, a esa data, limitou o fondo de manobra".

Cómpre lembrar que o fondo de manobra dunha empresa é a diferenza entre o activo corrente e o pasivo corrente, e permite medir a capacidade que ten para afrontar as súas débedas e garantir a súa liquidez.

A auditora salienta as "incertezas" a respecto da viabilidade económica da empresa

A ollos da compañía auditora, estes resultados indican que "existen incertezas materiais que provocan dúbidas significativas sobre a capacidade da empresa para continuar cun negocio en marcha".

No ano anterior, 2020, as perdas netas foran de 3.373.555 dólares, isto é, perto de 3,23 millóns de euros hoxe, o que supón que os gastos superaron os ingresos. E unha situación semellante protagonizou o feche do exercicio de 2019, cunhas perdas netas que roldaron os 4,3 millóns de euros.

A Penouta, chave da viabilidade

No mesmo informe McGovern Hurley pon de manifesto que a actividade mineira "implica un alto risco e non hai garantía ningunha de que os programas de exploración actuais darán como resultado unha minaría rendíbel", se ben recolle que a xerencia de Strategic Minerals confía en remontar a situación cos proxectos que ten en marcha.

É neste punto cando entra en xogo o proxecto da Penouta. "A xerencia agarda que a operación exitosa desta parte do proxecto [sección C da mina da Penouta] poida proporcionar beneficios", apunta, se ben engade a continuación a auditora que "non temos a seguridade de que a sección C dará como resultado tales resultados positivos" para a economía da empresa extractiva.

Comentarios