Stellantis gana 6.926 millóns de euros no primeiro semestre

A multinacional volve aos beneficios no primeiro semestre de 2021.
Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)
photo_camera Liña montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Arquivo de Stellantis)

O grupo automobilístico Stellantis obtivo un beneficio de 6.926 millóns de euros nos primeiros seis meses do ano, fronte ás perdas de 1.234 millóns de euros que presentou no mesmo período de 2020. O xigante saído da fusión entre PSA e FCA rexistrou uns ingresos netos de 75.310 millóns de euros até o 31 de xuño deste ano, o que representa un aumento do 45,75% con respecto aos 51.668 millóns de euros do primeiro semestre do exercicio previo.

O beneficio, antes de impostos, alcanzou os 7.288 millóns de euros, segundo os resultados semestrais presentados esta terza feira, 3 de agosto, polo seu presidente, Carlos Tavares, que os cualificou como "de moi sólidos".

Máis vehículos eléctricos para o futuro próximo

En relación ás expectativas para o segundo semestre deste mesmo ano, Stellantis agarda que a marxe operativa axustada rolde o 10%.

Da mesma maneira, asume que non haberá unha maior deterioración da subministración e semiconductores, nin máis bloqueos importantes en Europa e os Estados Unidos de América (EUA). Esta era unha das grandes preocupacións deste xigante da automoción.

Dentro do plan estratéxico do grupo, a electrificación da frota avanza "a toda velocidade" co lanzamento de 11 modelos eléctricos puros (BEV) e 10 híbridos con enchufe (PHEV) durante os próximos 24 meses.

Tamén traballa no desenvolvemento da gama de vehículos comerciais lixeiros totalmente electrificados en Europa, xunto con furgonetas medianas de pila de combustíbel de hidróxeno, para finais de 2021. 

Por último, segue adiante coa anunciada terceira "xigafábrica" para Termoli (Italia) e a transformación da planta de Ellesmere Port (Reino Unido) na primeira fábrica puramente de vehículos eléctricos puros (BEV) da compañía para finais de 2022.

Comentarios