“Ou solución ou mobilización”. O metal da Coruña non desbota unha greve se non acaba o bloqueo na negociación

Por volta de 400 delegados concentráronse diante da sede da patronal.

Concentracion Convenio metal

Por volta de 400 delegados e delegadas das empresas do metal da provincia da Coruña concentrábanse esta quinta feira diante da Confederación de Empresarios para rexeitar “o bloqueo patronal á negociación do convenio provincial de siderometalurxia” e demandar melloras salariais e sociais.

Pepe Maio, responsábel de negociación colectiva da CIG-Industria na provincia, lanzaba unha mensaxe clara: "Ou ben hai un cambio de actitude e comezan a materializarse acordos ou do contrario  a vontade do sector é continuar coas mobilizacións, sen descartar  incluso a posibilidade dunha folga no metal".

Os sindicatos lembran que as negociacións para o convenio provincial do metal comezaron hai dous anos e medio, “mais neste tempo a patronal non aceptou practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social, e mesmo busca eliminar dereitos xa conquistados”.

Para a CIG-Industria “é fundamental” que o novo convenio recolla cuestións como establecer a subrogación para os traballadores de contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar a utilización das ETTs, así como un incremento salarial co que recuperar poder adquisitivo.

Nas asembleas de traballadores realizadas na Coruña, Ferrol e Santiago a primeiros de febreiro para abordar o estado da negociación do convenio, acordouse iniciar mobilizacións no sector co obxectivo de acabar co bloqueo patronal á negociación. “Se non hai avances, continuaremos o calendario de mobilizacións sen descartar a convocatoria dunha folga provincial do metal".

Comentarios