O prezo do alugueiro non ten teito: volve incrementarse 2% na Galiza

"A oferta é escasa e os pisos alúganse en cuestión de días, e iso tendo en conta que as condicións requiridas á demanda son cada vez máis duras", advirte un estudo.
As axudas están destinadas á poboación de entre 18 e 35 anos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Feixoo construíu entre 2010 e 2020 a metade de vivendas protexidas que o bipartito en catro anos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O piso tipo de alugueiro na Galiza rexistrou en xullo de 2022 un prezo medio de 5,62 euros por metro cadrado (m2), o que supuxo un descenso a respecto do mes de xuño de 1,2%, mais unha suba de até 2% se se fai a comparativa con xullo do ano pasado.

Así o reflicte o informe que publicou esta segunda feira o portal inmobiliario Pisos.com, que demostra que a Galiza, con todo, foi o cuarto territorio do Estado español coa mensualidade máis barata para as persoas inquilinas.

Deste modo, o país ficou por detrás de Castela e León (4,74 euros/m2), Estremadura (5,27 euros/m2) e Castela-A Mancha (5,48 euros/m2).

No conxunto do Estado, o custo medio do alugueiro tivo en xullo de 2022 un prezo medio por metro cadrado de 10,24 euros, o que supón unha repunta mensual de 0,2%. Na comparativa interanual, medrou 5,9%, polo que a Galiza, con 2%, fica por baixo.

O documento recolle tamén o prezo nas capitais de provincia. Así, a cidade da Coruña presentou en xullo o alugueiro medio máis alto (8,47 euros/m2), malia supor unha baixada interanual de 0,57%.

En Pontevedra o prezo medio é de 7,99 euros/m2, cun incremento de 12,3%. Na cidade de Lugo, os alugueiros subiron 15,5% nun ano, até os 6,72 euros/m2, e en Ourense caeron 2,9%, a 6,08 euros/m2.

"A oferta é escasa e os pisos alúganse en cuestión de días, e iso tendo en conta que as condicións requiridas á demanda son cada vez máis duras e o mantemento das vivendas non é tan frecuente como sería desexábel", advirte Ferran Font, director de Estudos do portal inmobiliario.

Comentarios