Só un terzo dos grandes polígonos galegos teñen conexión co tren de mercadorías

Un informe do Consello Económico e Social critica a Xunta pornon contemplar a intermodalidade na lei de áreas industriais.
Tren de mercadorías. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bruxelas quere aumentar o tráfico de mercadorías por ferrocarril, algo para o que non están preparados moitos polígonos galegos.

A falla de alternativas de transporte lastra a comptetividade dos polígonos galegos. Dos principais, só os de O Ceao, Teixeiro e as Gándaras teñen conexión activa cunha rede ferroviaria de mercadorías, mentres que os de Pocomaco, Vío e Agrela na Coruña; A Sionlla, en Compostela, e o de San Cibrao das Viñas, en Ourense, teñen as vías aos seus pes mais carecen de terminais de mercadorías.

O Consello Económico e Social (CES) vén de emitir un ditame no que recrimina a Xunta que na futura lei galega de áreas industriais non contemple "a posibilidade de deseñar estratexias que fomenten as conexións ferroviarias" para "facer unha verdadeira integración e resultar máis atractivos e competitivos na implantación de empresas"

O informe chega nunha delicada situación industrial na Galiza. Os fechamentos nos últimos meses de fábricas como a de Siemens-Gamesa, Vestas ou Alu Ibérica poñen de relevo a crise que afecta o país; fechamentos nos que sindicatos e oposición parlamentaria acusaron a Xunta de non actuar nin exercer as súas competencias en materia industrial, igual que agora o CES lle reprende por non contar coa intermodalidade para contrarrestar algunhas das eivas que afectan o panoma industrial galego. E máis agora que Europa incide na necesidade de fomentar o transporte ferroviario, moito menos contaminante, e a conexión cos portos e grandes áreas industriais.

Distintas oportunidades

As diferencias existentes no país fanse evidentes no mapa industrial. Basta con coller os dous maiores da Galiza para comprobalo. 

Así, o polígono de Morás (Arteixo), promovido pola Xunta e aínda á espera da chegada dos primeiros inquilinos, entre os que se atopan Estrella Galicia e Aluman, carece de infraestrutura ferroviaria, igual que o de Sabón, onde se asenta Inditex, pois a vía máis próxima ─sen uso─, que pasa tamén por diante do polígono de Agrela (A Coruña), morre diante da refinaría da cidade herculina. 

Caso distinto é o da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan), promovida polo Porto de Vigo, a Xunta e o Consorcio da Zona Franca, no que hai previsto un apeadoiro ferroviario A conexión con tren é tamén unha realidade no polígono de Curtis-Teixeiro, con moito tráfico de madeira e etanol; no do Ceao, en Lugo, e no das Gándaras, no Porriño, aos que podería sumarse proximamente o de San Cibrao das Viñas (Ourense), onde os empresarios e as empresarias proxectan unha terminal ferroviaria que podería dar servizo a outros parques industriais da zona.

Onde tamén hai movemento é nos portos exteriores da Coruña e Ferrol. No primeiro están a espera de que comecen as obras (o acceso ferroviario está en licitación), mentres que en Caneliñas as obras están moi avanzadas e está previsto que rematen en 2023.

Outros polígonos, como o de Vío (A Coruña), de iniciativa privada e chamado a ser a plataforma loxística do porto exterior de Langosteira, e o Porto Seco de Monforte, ambos pegados ás vías do tren, non foron quen de captar empresas e atópanse baleiros, ou case.

Nas outras cidades galegas, houbo proxectos en Ferrol para conectar por tren o polígono de Río do Pozo (Narón), mentres que en Compostela, a proximidade das vías abre a porta a unha futura conexión intermodal na Sionlla.

Comentarios