Só 5 das 53 comarcas galegas acadan a renda per cápita media do estado español

Áreas como Muros, O Condado ou Terra de Celanova rexistran un PIB por habitante até 45 por cento por baixo da media española.

Galiza betanzos xeografía vila cidade territorio

Das 53 comarcas nas que a Xunta divide oficialmente Galiza apenas 5 acadan a renda per cápita media española. Agás A Coruña, Eume, Santiago, A Mariña Occidental e Terra de Trives, o resto de comarcas do país (48 de 53) fican por baixo deses 22.780 euros que marcan a media da riqueza por cabeza no estado español. Son dados de 2014 no Instituto Galego de Estatística e neles tamén se fai evidente a fenda existente dentro de Galiza entre comarcas como O Eume, onde a renda per cápita é de máis de 35.000 euros e aquelas como Muros, Verín, Tera de Celanova, Caldas ou A Paradanta, entre outras, que non chegan a 13.000 euros por habitante.

A media española é, logo, de 22.780 euros por persoa. A media galega, de 19.661, o que supón 3.000 euros menos. Mais hai un bon número de comarcas que non chegan nin sequer á media galega: só 12 das 53 comarcas do país acadan ou superan esa media, as cinco antes citadas e Ordes, Chantada, Lugo, Meira, Terra Chá, Valdeorras, Viana e Vigo.

Por baixo da media da Unión Europea e da media do Estado español

O PIB por habitante en Galiza segue afastado tanto do promedio europeo coma do español, como amosaban os dados de Euostat, a Oficina de estatística comunitaria, publicados en maio de 2015. Se a media de renda per cápita na UE é 100, Galiza fica en 83% desa riqueza, o que significa 17 pontos menos. Por comparar cos territorios da nosa contorna, Castela-León acada 89%, Asturias 84% e Cantabria 86 por cento. Se a comparación a facemos con Euskadi (122%), Madrid (128%) ou Catalunya (111%) a diferenza é moito maior.

E cales son os territorios con maior riqueza por habitante de Europa? Pois o Eurostat dinos que Londres, Bruxelas, Hamburgo, Gröningen (Holanda) ou Estocolmo están nesa privilexiada clasificación. E as máis pobres? Pois os territorios de Ultramar franceses, e rexións de Bulgaria e Romanía.

Comentarios