Só en 44 dos 314 concellos galegos o PIB por habitante supera a media galega

O Produto Interior Bruto por persoa no noso país (20.400 euros) é un 8% inferior o da media do Estado español. Nuns sesenta municipios o seu PIB fica mesmo por baixo da metade da media galega (10.200 euros). 

photo_camera Cadea de montaxe

Dos 314 concellos existentes en Galiza só 44 superan en Produto Interior Bruto (PIB) por habitante a media galega, que é de 20.400 euros. Unha cantidade sensibelmente inferior, un 8,4% menos, que a media estatal, que foi de 22.279 euros en 2013. Un total de 270 municipios, logo, fican por baixo ou como moito igualan o PIB.

Os dados apuntan a unha Galiza fendida: O PIB xerado en Vigo supera o de toda a provincia de Lugo, e o da Coruña a toda a de Ourense

Segundo os dados do Instituto Galego de Estatística, hai por volta de 60 concellos onde o seu PIB por habitante é menos da metade da media galega, é dicir, por baixo dos 10.200 euros.

Ter máis e ter menos

Entre as comarcas con maior PIB por habitante estám na cabeza da listaxe, a do Eume, con 29.738 euros, un 46% por riba da media nacional. O sector no que esta comarca está especializado (en termos comparativos á economía galega) é o da enerxía, xestión de residuos e suministro de auga.

En máis de 70 concellos o PIB por habitante é menor á metade da media galega

A Mariña Occidental (29.680 euros por habitante) e Santiago (29.009) son as seguintes comarcas con mellores resultados entre os concellos no que atinxe o Produto Interior Bruto por habitante.

No outro extremo están as comarcas de Allariz-Maceda, Verín e Os Ancares, as dúas primeiras en Ourense e a terceira en Lugo. Nestas tres zonas o PIB por habitante fica ben por baixo dos 13.000 euros. O principal sector coincide nestas 3 comarcas: o primario.

Galiza, cousa de dous?

Neste estudo do IGE O Produto Interior Bruto concéntrase en Vigo e A Coruña. Entre ambos os dous concellos suman o 24,4% do total do noso país.

Vigo achega 7.424 millóns de euros polos 6.360 millóns de euros de A Coruña. O PIB xerado no concello de Vigo supera a todo o da provincia de Lugo e o que se xerou no concello de A Coruña supera a todo o rexistrado na provincia de Ourense. 

Comentarios