Denuncian que 10.000 granxas quedaron sen axudas

O SLG demanda medidas para o sector vacún da carne

O Sindicato Labrego Galego (SLG) concentrouse diante da oficina da Xunta en Lalín para pedir solucións para o sector e pedir unha reunión con Medio Rural.
Concentración de gandeiras e gandeiros en Lalín (Nós Diario).
photo_camera Concentración de gandeiras e gandeiros en Lalín (Foto: Nós Diario).

O Sindicato Labrego Galego (SLG) concentrouse esta sexta feira diante da oficina da Xunta da Galiza en Lalín, para instar á Consellaría de Medio Rural a manter unha reunión e tratar as problemáticas do sector vacún de carne. Alén diso, exixen a activación dunha liña de axudas directas das que "ningunha familia gandeira afectada pola crise sexa marxinada", logo de que, aseguran, "as últimas axudas convocadas deixasen fora máis da metade das granxas activas no país".

Argumentan desde o SLG que o sector produtor de carne de vacún aínda sofre o impacto da crise provocada pola pandemia da Covid-19. "Mesmo finalizado o estado de alarma que provocou o feche temporal de vías de comercialización como o dos hoteis, restaurantes e cafetarías (Horeca), a economía do sector non se ten recuperado", denuncian desde esta organización. 

"Na canle Horeca seguiu habendo unha forte caída na demanda de carne de vacún, á que hai que unir unha caída de prezos artificial forzada por industrias, matadoiros e distribución", recolle o Sindicato Labrego no escrito de reivindicacións diante da Consellaría de Medio Rural. Ademais, sinalan que se encareceron neste período a electricidade, os combustíbeis e os concentrados. 

Axudas directas

O SLG lembra a relevancia do sector, con perto de 20.000 granxas en activo e "presenza en zonas desfavorecidas e de montaña onde non existen outras actividades económicas". Esta actividade gandeira, recolle o escrito, "resulta esencial para vertebrar e xestionar do noso territorio".

Por este motivo, desde esta organización agraria exixen axudas directas, "de maneira urxente e a curto prazo, orientadas a paliar as perdas provocadas pola Covid-19 e garantir a continuidade das granxas".

Porén, as últimas axudas convocadas pola Consellaría de Medio Rural non chegaron a beneficiar nin á metade das granxas en activo, por un deseño que "deixou de base fóra máis de 10.000 explotacións".

Desde o SLG aseguran que este problema se solucionaría con axudas directas "por becerro sacrificado que estea vinculada a unha vaca nutriz", ou unha fórmula que compensase directamente por vaca nutriz ou por granxa para "evitar a especulación das empresas".

Comentarios