Sermos283

Situación crítica na pesca da sardiña

Centos de barcos galegos, do cerco e do xeito, agardan pola decisión de Bruxelas sobre a sardiña. Miles de mariñeiros pendentes de que a UE acorde se fixar cota cero para un recurso fulcral para un segmento non pequeno da nosa frota. “A situación é crítica”, advirten desde o propio sector. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no Sermos Galiza 283.

sardiña

3“As sardiñas volverían se os gobernos quixesen”. A ilustración de Castelao mantén un século despois o dedo acusador. Cerqueiros e xeiteiros, dous segmentos de importancia na frota galega, están á espreita do que Bruxelas decida sobre a sardiña, un recurso de peso para as economías de centos de mariñeiros. A proposta científica, e co apoio do ecoloxismo, que hai sobre a mesa da Unión Europea é que en 2018 non se capture sardiña ningunha entre os golfos de Cádiz e Bizkaia. É unha especie en crise, afirman, periga a súa existencia, polo que o que cómpre é unha veda permanente para recuperar o stock.

“Non se pode fechar unha pesqueira por un simple informe”, afirma Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo. Neste porto 117 embarcacións teñen permiso para o xeito, a arte artesanal que ten na sardiña o seu obxecto máis prezado. Levan anos coa espada de Damocles pendendo sobre a súa cabeza. “Agardo que non se decrete un feche total”, indica, alertando do brutal impacto que iso tería na zona e apelando á importancia da frota artesanal. Tamén no cerco están á agarda do que decida Bruxelas.

Pouco confían nas xestións de Xunta e Estado español na defensa da frota galega. Andrés García, da Asociación de armadores do cerco de Galiza, advirte: “Isto pode ser un desastre”. García subliña que para os 146 barcos -e mil tripulantes- do cerco galego a sardiña é o seu recurso “fundamental”. O que mellor prezo ten. “Xa nos recortaron 5 millóns de quilos entre xurelo e xarda”, critica, polo que ficar sen sardiña sería poñer o ramo a un ano que xa de inicio se presenta “complicado”. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 283 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios