Sinistralidade laboral: 21 mortos e 208 feridos graves no primeiro semestre

Entre xaneiro a xuño tiveron lugar máis de 11.000 accidentes leves con baixa en xornada laboral.

sinistralidade laboral

Nos seis primeiros meses de 2016 tiveron lugar en Galiza 11.135 accidentes laborais leves que implicaron baixa laboral, 208 sinistros graves e 21 con resultado mortal. Datos que amosan unha tendencia á baixa a respecto do primeiro semestre do ano anterior nos sinistros mortais. Entre xaneiro e xiño de 2015 faleceran 29 traballadores en accidentes no traballo. Porén, houbo un aumento nos accidentes graves, que pasaron de 167 nos primeiros seis meses de 2015 a 208 no primeiro semestre de 2016.

A siniestralidade laboral bateu récords en Galiza en 2015, un ano no que os traballadores e traballadoras falecidos no noso país en accidentes laborais foi o máis elevado dos últimos anos: 64. En todo o 2014 , a cifra de traballadores mortos foi de 59. En 2013 foron 47 e en 2012, 45. Así pois, o noso país acumula catro anos consecutivos de aumento nas cifras de mortalidade por sinistralidade no traballo.

Un total de 335 traballadores mortos e 2.775 feridos graves desde 2010 a 2015 na Galiza. O que supón un sinistro grave cada día e dun traballador falecido cada seis, aliás dunha media de case 70 accidentes laborais leves cada 24 horas. Unha situación máis que preocupante. Mais no que atinxe a sinistralidade laboral, o Estado español non fai os deberes. O Tribunal de Xustiza Europeo condenou até en tres ocasión o Reino de España por incumprimentos ou por non traspoñer á lexislación interna directrices europeas no ámbito da saúde e seguridade laboral. 

Comentarios