Preguntan como unha NGB nacionalizada pode ter un buraco de 3.100 millóns de euros

Representantes dos e das traballador@s de Novagalicia Banco sospeitan que a nova taxación do FROB da entidade (-3.091 millóns de euros) ampara un "subterfuxio" para a malvender e consumar "o espolio do aforro galego".
NGB

Prudencia e preocupación, moita preocupación. A nova taxación que o FROB vén de facer de Novagalicia Banco (NGB), e que valora a entidade financeira en -3.091 millóns de euros, xera numerosas interrogantes entre os sindicatos. O feito de que en 2011 a entidade fose valorada en 181 millóns de euros, dando paso á súa nacionalización, e que un ano despois haxa un buraco superior aos 3.000 millóns de euros, leva a que as preguntas entre os e as traballador@s non sexan poucas. Así o sinala Clodo Montero, de CIG-Banca. "Estanos a dicir que nun ano, un banco nacionalizado, perdeu 3.000 millóns de euros? Iso é moi grave. Implicaría a existencia de importantes responsabilidades políticas".

"Estanos a dicir que nun ano, un banco nacionalizado, perdeu 3.000 millóns de euros? Iso é moi grave. Implicaría a existencia de importantes responsabilidades políticas"

Montero recoñece que desconfía da taxación: "Estamos xa fartos de auditorías, porque nas que se levan feito nestes anos, os resultados estaban ao gusto de quen as encargaba". Así, lembra a feita no seu momento pola empresa KPMG solicitada pola Xunta (e pola que cobrou un millón de euros) e que avalaba a fusión de Caixanova e Caixa Galicia e defendía a viabilidade da nova entidade. Ou a feita en 2011 e que valoraba a entidade en 181 millóns, como paso previo á súa nacionalización.

"Estamos ante unha grande estafa e o espolio do aforro galego"

Para estes sindicatos estariamos perante "unha gran estafa", un "subterfuxio" que pretende a venda de NGB por "un euro" e unha taxación que xustifica "o espolio do aforro galego".

Estariamos, xa que logo, perante unha manobra dirixida a "xustificar a desaparición da entidade galega". Os sindicatos lembran que, durante todo este proceso de reestruturación, non se lles forneceu de datos e informes obxectivos. "aínda estamos á espera dunha xuntanza co FROB, co Banco de España e o ministerio". De aí que as centrais non entren a negociar (a folla de ruta marcada por Bruxelas fala de 2.500 despedimentos e de importantes quitas para os e as posuidor@s de preferentes e subordinadas) até teren datos fiábeis e oficiais da situación.

"Coa bancarización das caixas deuse un proceso que levou a que esteamos perante un mapa de case oligopolio, en que catro ou cinco grandes bancos se reparten o pastel do mapa financeiro español"

Galiza desaparece do mapa financeiro

A taxación que vén de facer o FROB baseándose nos cálculos feitos por tres bancos de investimento diferentes, é o paso previo e necesario para que NGB reciba a axuda de Bruxelas (pola volta de 5.425 millóns de euros). A esta cifra débese engadir os 1.800 millóns que se lle sacará ás e aos posuidor@s de preferentes e subordinadas coa quita.

Hai quen sinala que todo este proceso vai levar a que o estado, que na actualidade posúe o 91% de NGB, quede co cen por cen. Nunha operación dirixida despois a vender ou liquidar a entidade. "Coa bancarización das caixas deuse un proceso que levou a que esteamos perante un mapa de case oligopolio, en que catro ou cinco grandes bancos se reparten o pastel do mapa financeiro español".

E como fica Galiza nese mapa? Pois non fica porque podería non existir. Se desaparece NGB como entidade propia, así sería. "Euskadi, Catalunya e Andalucía foron quen de manter as súas entidades financeiras. E Galiza semella que vai ser que non". E iso, apuntan na central nacionalista, leva á exixencia de responsabilidades políticas.  

Comentarios