Sindicatos manifestaranse contra o cuarto ERE de NCG

NGB entrega aos sindicatos a folla de rota do cuarto ERE na entidade. @s representantes d@s traballadoras e traballadores convocan unha manifestación contra os despedimentos masivos o vindeiro 12 de xaneiro en Compostela.
CIG Banca
photo_camera Concentración contra os despedimentos en NGB

Suman xa catro os Expedientes de Regulación de Emprego que a entidade xurdida após a desaparición das caixas galegas desenvolverá de acordo cos mandatos de Madrid e Bruxelas. O último, foi presentada a pasada sexta feira e prevé a destrución de 2.508 postos de traballo directos durante os vindeiros catro anos. Nun único documento sintetizado en dous cadros, a entidade financeira achegou a súa folla de rota @s representantes sindicais que denunciaron a "mala fe absoluta" coa que Nova Caixa Galiza procura levar a cabo o novo ERE.

Até o de agora, os sucesivos despedimentos practicados desde as extintas caixas de aforro suman xa o 7% do desemprego total rexistrado en Galiza.

2.508 postos de traballo, 327 oficinas e aplicando a reforma laboral
Nunha xuntanza que durou arredor de dúas horas, a dirección de NCG explicou aos sindicatos a súa proposta inicial, que non pretende ser sometida a grandes negociacións. Segundo asegurou Clodomiro Monteiro, da CIG-Banca, @s representantes da entidade deixaron moi claro que a lei está da súa man polo que as condición dos máis de dous mil empregos estarán sometidas aos criterios recollidos na última reforma laboral. Neste senso, @s traballadoras e traballadores de NCG poderías ser botados á rúa con indemnizacións de 20 días por ano traballado. "Eles argumentan que a reforma laboral está aí", aseverou o representante sindical de CC.OO á saída da xuntanza.

O 7% do emprego destruído en Galiza no 2012 provén do sector financeiro

Segundo o documento achegado pola entidade aos sindicatos, NCG prevé o desenvolvemento dos despedimentos en cinco etapas polo que este 2013 pretenden destruír máis de 900 postos de traballo e así prograsivamente até chegaren aos 2508 en 2017, moitos deles vencellados estritamente ao proceso de transmisión de activo cara ao recén creado 'banco malo'. Porén, a entidade asegura que o proceso de redución do cadro de persoal vén de encetar o pasado 31 de decembro, seguindo as instrucións emanadas do goberno español e a UE.

De maneira parella á redución de persoal, NCG botará o feche a 327 oficinas, até ficar en menos de 500 as que continúen operando en todo o mundo.

As centrais sindicais convocan mobilizacións contra os despedimentos
Os representantes sindicais aseguran que a documentación que compón a proposta da entidade financeira "é inadmisíbel, máis cando non quixeron falar das condicións de despedimento" que aseguraron estarán suxeitas á normativa vixente após a reforma laboral. Neste senso, desde a CIG-Banca denuncian que as intencións da dirección de NCG sexa promover a ruptura das negociacións e que finalmente "se impoña o ERE tal e como foi deseñado".

Así pois, convocan unha manifestación nacional o vindeiro 12 de xaneiro contra o plan de despedimentos masivos presentados pola entidade porque din "é unha auténtica tomadura de pelo".

Comentarios