Sindicatos lácteos cargan contra a postura de Competencia sobre a orixe do leite

O Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega descartan que indicar a procedencia do leite incremente os custos.
Vacas pacendo
photo_camera Imaxe dunhas vacas no campo. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) emitiu esta semana un informe sobre o proxecto de Real Decreto polo que se modifica o RD 1181/2018 de 21 de setembro, relativo á indicación da orixe do leite empregado como ingrediente na etiquetaxe do leite e dos produtos lácteos, no que apoiaba a prórroga desta obriga até xaneiro de 2023, mais con certos reparos. 

Nas conclusións do informe, o regulador sinala que a obrigatoriedade de proporcionar información sobre a procedencia xeográfica dos produtos "pode levar consigo maiores custos de produción do leite e os produtos lácteos e contribuír a compartimentar os mercados". Ademais, alude a unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que ditaminou que para impor requisitos de indicación de orixe, debe comprobarse que haxa unha relación entre determinadas cualidades do alimento e a súa orixe ou procedencia e, se se demostra que esa relación existe, debe determinarse tamén se a maioría das persoas consumidoras consideran importante que se facilite dita información.

Neste senso, a CNMC recomenda xustificar en maior medida a relación entre a orixe do leite e as cualidades dos produtos lácteos e a relevancia destes para as persoas consumidoras, así como valorar as posíbeis alternativas existentes, como as indicacións xeográficas de calidade.

Resposta dos sindicatos

Para os sindicatos, a falla dun apoio máis decidido por parte de Competencia ao mantemento desta obriga é porque "responde á voz do seu amo: a agroindustria e o gran capital".

Elías Somoza, responsábel do sector lácteo da Federación Rural Galega (Fruga), apunta que os informes da CNMC "non son moi favorecedores aos intereses dos gandeiros" e lembra que sempre se opuxeron a negociación interprofesional entre os elos da cadea.

Respecto aos argumentos que emprega, insiste en que a procedencia "non está ligada para nada cos custos de produción", pero entende que haxa industrias como Lactalis, "principal recolledora e a que fixa os prezos, de capital francés", que se ven "pre xudicadas" por esa obriga.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), confirma a Nós Diario que non é certo que a indicación da orixe leve aparellados maiores custos de produción, xa que, segundo explica "ten que haber unha trazabilidade total nos alimentos, co cal ese camiño do produtor ao consumidor está xa documentado".

O que lle chama a atención á responsábel do Sindicato Labrego Galego é que Competencia se volva pór do lado da industria nesta cuestión. Nese senso, lembra que o regulador permitiu "durante anos e sen mover un só dedo" abusos por parte da industria na fixación de prezos, coa conseguinte perda de ingresos para as persoas produtoras, e que non fixo nada coa negociación dos novos contratos pese as múltiples denuncias sobre a imposibilidade de modificar os condicionados que presenta a industria. "Piden relacións equilibradas pero despois nunca se actúa contra ese poder desigual que hai na cadea alimentaria en contra das persoas produtoras", denuncia Vilalba.

Comentarios