Sindicatos exixen ao FROB que aclare o futuro de NGB

A representación sindical de NGB rexeita negociar coa entidade financeira rescatada as condicións dun cuarto ERE que suporía o despedimento de 2.500 persoas empregadas, até que o Banco de España e o Ministerio de Economía non aclaren cal será o futuro da entidade financeira galega.

Após coñecérense as condicións que as entidades rescatadas a través dos fondos europeos deberán cumprir, a dirección da entidade financeira galega, vén de solicitar á representación sindical o inicio das negociacións cara a aprobación dun novo ERE que suporía o despedimento de máis de dúas mil persoas.

Neste senso, os sindicatos exixen que o FROB --actual propietario do 90% da entidade financeira-- dea a coñecer previamente as súas intencións a respecto do futuro da entidade que poderia supoñer a súa venda ou liquidación en 2017. Así pois, delegad@s sindicais de NGB aseguraron que asistirían persoalmente ao Banco de España e á delegación do Goberno español para reiteraren a súa solicitude de reunión co FROB. Até que isto suceda, @s representantes sindicais néganse a negociar as condicións nas que se producirá o Expediente de Regulación de Emprego previsto pola dirección da entidade financeira.

Aliás, adiantan que o vindeiro día 13 de decembro entregarán unha carta en San Caetano, dirixida ao presidente da Xunta de Galiza, para lle solicitaren ao líder do executivo galego "a implicación da Xunta" perante o "impacto social e laboral" dun plan de re-estruturación que, a máis dos despedimentos no cadro de persoal, suporán o peche de numerosas oficinas, sen que, denuncian os sindicatos, "a día de hoxe recibiramos ningunha información".

Comentarios