Sindicatos e oposición exixen ao PP que defenda prezos xustos para o leite

Representantes do sector lácteo galego reuniuse esta terza feira cos grupos parlamentares para solicitar que a Lei da cadea agroalimentaria inclúa no seu articulado, e non no seu limiar, a obriga de se pagaren prezos por riba dos custos de produción. A oposición asegura que "agora" a decisión depende do Partido Popular. 

 

photo_camera Representantes dos grupos parlamentares na xuntanza cos sindicatos agrarios

Vender un produto a un prezo superior do que custa producilo semella lóxico. Porén, o sector lácteo galego sabe ben que isto non acontece as máis das veces. Entrementres @s produtor@s reciben arredor de 0,30€ por litro de leite crú, os custos da produción leiteira aumentan acotío como resultado do incremento dos pensos, carburantes e luz (entre outros). Após desconvocaren as mobilizacións logo dun compromiso adquirido polo executivo galego, as organizacións agrarias con maior representación (SLG, UU.AA e ASAJA) acudiron máis unha vez ao Parlamento para se reunir, nesta ocasión, cos grupos parlamentares. 

@s representantes sindicais exixiron ás formacións políticas con representación que defendan a incorporación do prezo do leite na Lei da cadea agroalimentaria que se está a tramitar no Congreso español. Neste senso, demandan que a nova norma fixe os custos de produción como barreira límite para a fixación dos prezos deste produto, habida conta de que o anteproxecto presentado polo executivo de Mariano Rajoy recolle unicamente as demandas do sector no preámbulo e non no articulado. 

Os grupos da oposición puxeron en dúbida o compromiso da Xunta co sector lácteo após incumprir o goberno de Núñez Feijóo os compromisos alcanzados en decembro

Após a xuntanza coas organizacións agrarias, os grupos da oposición amosaron o seu apoio ao sector e aseguraron @s produtor@s que exixirían prezos xustos para o leite. Aliás, denunciaron os incumprimentos do executivo galego nesta materia logo de que Alberto Núñez Feijóo se comprometera a defender os intereses deste sector en Madrid. "Feijóo incumpre sistematicamente os seus compromisos", asegurou o socialista Pachi Vázquez a respecto da non incorporación no anteproxecto de lei das "alegacións acordadas con Feijóo". 

Un marco galego de negociación leiteira

Pola súa banda, desde o BNG o portavoz nacional Xabier Vence, mostrou o apoio da organización frontista ás organizacións agrarias. Amosouse "moi crítico" coa propia lei ao asegurar que "invade competencias galegas" e mantén "un claro espírito neoliberal". Neste senso, o nacionalista demandou "un marco galego de negociación leiteira" e reivindicou "plena soberanía para o Parlamento galego" á fin de empoderar o sector galego cuxa produción representa o 40% do leite do Estado. 

Comentarios