O Sindicato Labrego denuncia "prácticas abusivas" por parte de Reny Picot

O sindicato di que a firma asturiana está a ofrecer contratos de tres meses ás gandeiras para aproveitarse da crise do coronavirus.
Factoría de Reny Picot en Asturias (Reny Picot).
photo_camera Factoría de Reny Picot en Asturias (Reny Picot).

A guerra polo prezo do leite continúa nos tempos do coronavirus. Segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG), a empresa Reny Picot está a ofrecer ás granxas que a abastecen de leite novos contratos por tres meses, unha práctica que segundo o sindicato "abeira a fraude", xa que na práctica son unha ferramenta da industria para "aproveitarse da súa posición de dominio na cadea de valor".

Neste senso, apuntan que a compañía tamén está a advertir ás gandeiras de que pasado ese tempo é probábel que os prezos dos novos contratos que se firmen entón volvan baixar. "Daquela, é doado sospeitar que Reny Picot está a forzar contratos de tres meses e non dun ano, como obriga a lei, para poder baixar o prezo despois e aforrar as marxes de nove meses que debería pagar aos prezos actuais se asinase contratos dun ano", indican desde o SLG.

"Trátase dunha práctica intolerábel, máxime cando a Galiza segue a ser o territorio do Estado co prezo medio máis baixo: 32,4 céntimos por litro segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) correspondentes a febreiro de 2020, lonxe do valor medio estatal (33,6 céntimos) ou de territorios veciños como Asturias (35,3 céntimos), onde ten a súa matriz Reny Picot", engaden nun comunicado.

Para o sindicato, trátase de "feitos inadmisíbeis" nun contexto como o actual "no que a industria láctea non dá abasto, tal como acontece con determinadas empresas que viron incrementada a demanda de leite, aumentando a frecuencia do transporte e dobrando quendas; ou demandando novas explotacións para garantir a produción. Así o constatamos no SLG a través da testemuña de varios transportistas que recollen e carrexan leite das granxas para industrias do sector lácteo, aos que se lles ampliou tamén o horario de traballo en quendas inhumanas, con casos que só están a durmir tres horas por noite", denuncian. 

Comentarios