O Sindicato Labrego denuncia extorsións ás labregas co leite

Produción leiteira

Galiza segue a ser o territorio do Estado español cos prezos do leite máis baixos, 32,6 céntimos en novembro, moi lonxe da media española (34 céntimos) e da europea (35,31 euros). A situación pode agravarse de persistir a "extorsión" que, como denuncia o Sindicato Labrego Galego, están a sufrir as granxas de leite por parte das empresas, que as obrigan a asinar contratos que conxelan os prezos nunha situación de alza xeneralizada.

Nun comunicado, o sindicato critica que esta anomalía "faise máis insultante" se se compara o prezo medio na Galiza co das comunidades veciñas: 34,2 céntimos en Castela e León e 35,7 céntimos en Asturias, dándose o caso dunha mesma empresa que recolle leite en granxas veciñas de distintas comunidades mantendo esta fenda discriminatoria no valor do produto recollido.

Na última sesión do Consello Agrario Galego, o Sindicato Labrego reclamou a necesidade de convocar "de maneira urxente" a Mesa do Leite para que Medio Rural arbitre un diálogo e unhas negociacións necesarias entre os diversos axentes do sector "para rematar con estas anomalías de mercado que discriminan flagrantemente as nosas granxas". Porén, aínda que o conselleiro de Medio Rural, José González, se comprometeu a dar resposta a esta petición, aínda non o fixo, apuntan desde o sindicato. "E as industrias xa están comezando a asinar os contratos para a nova campaña 2020- 2021, extorsionando miles de granxas que carecen de poder de negociación das condicións ofrecidas", advirten.

Aínda que desde a Consellaría de Medio Rural e desde o Ministerio de Agricultura esgrimen que non é posíbel negociar prezos por ir contra as regras do mercado, en países como Francia chegouse recentemente a un acordo grazas á mediación do Goberno, que conseguiu que Lactalis, a principal industria que opera na Galiza, lle pague ás granxas galas 35,5 céntimos por litro, unha suba de 7,5% con respecto aos 33 céntimos que pagaba antes das negociacións. "O agravio para coas nosas granxas é vergoñento", insisten.

Comentarios