Sinaturas para recuperar as hidroeléctricas "para todas"

En andamento a campaña de recollida de firmas para levar ao Parlamento a ILP para a recuperación dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos para a xestión pública. Vídeo no interior.

centrais hidraulicas enerxia saltos rios

A CIG iniciou a recollida de sinaturas para levar ao Parlamento a Iniciativa lexislativa popular(ILP) para a xestión pública dos aproveitamentos hidroeléctricos. É o paso a dar após rexistrar a finais do ano pasado no Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).

Unha proposta que que ten como obxectivo reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, tres anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

Galiza, o país dos 10.000 ríos e das máis de 160 centrais hidroeléctricas. Todas esas centrais (121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica ) están en mans de empresas privadas. Máis de 90% da produción eléctrica instalada nas centrais hidráulicas galegas está en mans de Iberdrola, Naturgy (antes Gas Natural-Fenosa) e Endesa.


Mais esas concesións teñen data de caducidade. A explotación legal das hidroeléctricas ten unha limitación legal de 75 anos (prórrogas incluídas). Porén, ese límite non funciona para aquelas de antes da Lei de Augas de 1985, onde esas concesións poden chegar ao século de duración ou máis.  O ano medio de recuperación das concesións na conca do Miño-Sil é 2038 e na Galiza-Costa, 2040. Algunhas concesións, porén, xa se están achegando á súa fin polo que collen pulo as voces que demandan compromisos para reverter os saltos e aproveitamentos hidráulicos á xestión pública.

Máis en ECONOMÍA
Comentarios