Vivenda

A sinatura de hipotecas bate récords da última década no Estado español e só diminúe na Galiza

Os préstamos caen 3,9% no país mentres no conxunto do Estado repuntan 18% en comparanza co ano anterior.
En febreiro asináronse 1.241 hipotecas. (Foto: Paegag)
photo_camera En marzo asináronse 1.347 hipotecas no país. (Foto: Nós Diario)

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas na Galiza caeu 3,9% o pasado mes de marzo a respecto do mesmo mes de 2021, até alcanzar os 1.347 préstamos, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste modo, a Galiza foi o único territorio do Estado español que rexistrou unha diminución das hipotecas en marzo, xa que no conxunto o número dos devanditos préstamos disparouse 18%, após asinarse máis de 43.370 unidades en marzo.

A Rioxa (+55,2) e Aragón (+51,4%) foron as comunidades onde máis aumentaron, mentres que a Galiza ficou á cola (-3,9%), seguida do País Valencià (+2,6%) e de Asturies (+3,9%).

En marzo, o capital prestado aos galegos e galegas situouse nos 155,4 millóns de euros, 0,8% menos que no mesmo mes de 2021, pero 12% máis que en febreiro deste ano.

Na Galiza concedéronse 1.961 hipotecas a leiras, cun capital total de 238,8 millóns de euros, das cales 74 eran leiras rústicas e 1.887, urbanas.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas aumentou 18% interanual en marzo, até sumar 43.378 préstamos, a cifra máis alta desde febreiro de 2011 e a maior nun mes de marzo desde 2010, cando se asinaron máis de 54.000 hipotecas.

Sempre segundo datos do INE, co avance de marzo, que amplía en máis de tres puntos o rexistrado en febreiro, a firma de hipotecas sobre vivendas encadea 13 meses de ascensos interanuais consecutivos.

Por comunidades autónomas, as que rexistraron un maior número de hipotecas constituídas sobre vivendas en marzo de 2022 foron Andalucía (8.966), Catalunya (7.545) e Madrid (7.308).

Comentarios