A sidra ecolóxica galega busca medrar

A expansión da sidra e o cultivo da mazá ecolóxica na Estrada depende do incremento de terras de cultivo sempre e cando teñan un tamaño superior ás 10 hectáreas ou conten con modelos comunitarios de colaboración, como a cooperativa. É a principal conclusión do estudo presentado onte nese municipio.
Un traballador da cooperativa Ullama depositando as mazás para a súa entrega (Cooperativa Ullama).
photo_camera Un traballador da cooperativa Ullama depositando as mazás para a súa entrega (Cooperativa Ullama).

O cultivo da mazá ecolóxica busca medrar na comarca de Tabeirós, unha das zonas, xunto con Chantada, onde este produto está máis consolidado na Galiza. O edificio Mome da Estrada acolleu na xornada desta terza feira a presentación dun informe realizado pola empresa GB Auditores para a Consellaría de Medio Rural e  que deu a coñecer a asociación da Mazá e a Sidra deste municipio. O propósito deste estudo é dar conta das posibilidades reais de incremento de hectáreas de cultivo e o seu custo para as actuais ou futuras explotacións.

"É o primeiro estudo que se realiza sobre a vida útil das maceiras desde que se plantan até os 24 anos que dan as mazás", explica a Nós Diario Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama e da asociación. O resultado do traballo indica que para equilibrar custes e aproveitamento do terreo hai límites. "Unha hectárea non compensa, a mecanización pode levar 40.000 euros". 

Análise de custos e conclusións

O estudo analizou unha plantación en 1 hectárea de terreo de 500 maceiras contando co  ciclo de vida habitual da explotación. "O primeiro ano sería de preparación e o segundo de plantación", resume o seu responsábel, Enrique González para Nós Diario, "até o décimo ano non se alcanza o 100% da produción". No estudo identificaron as horas de traballo necesarias, os medios precisos e o custe actual de venda da mazá que se paga agora e que é de 0,31 euros/kg. 

"Comprobamos tamén os resultados se se traballaran 5, 10 e 15 hectáreas de produción", indica González. As conclusións deste traballo son contundentes: as explotacións pequenas con pouco terreos non son rendíbeis se non se conta con medios comunitarios. "Choca coa realidade actual que temos no noso territorio e aí é onde hai que actuar, por exemplo accedendo a extensións de terra por riba das 15 hectáreas e fomentando a colaboración a través, por exemplo, de modelos asociativos que estean ben xestionados", engade este analista. 

Alén diso, desde esta consultora especializada aconsellan ás explotacións deste tipo, cun cultivo ecolóxico moi singular e específico,  "que incrementen o prezo actual de venda" que consideran moi baixo.

Mazá e sidra na Estrada en tempos de pandemia

O municipio da Estrada conta na actualidade cunhas 70 produtoras e produtores que cultivan algo máis de 100 hectáreas, a maior parte dentro da cooperativa Ullama."É un sector  moi importante na economía deste concello", sinala Soto.

Proba da súa expansión é a Feira da Sidra que, antes da súa anulación temporal como consecuencia da pandemia da Covid-19 e as restricións sanitarias, levaba oito anos seguidos realizándose. A intención desde a asociación é que volva este mesmo mes de setembro "se as condicións son as axeitadas". As sidrarías aumentan e xa son catro as que teñen concedido o seu rexistro sanitario e en breve sumarase outra: Sidra de Vea.

"A pandemia prexudicou ás pequenas sidrarías que foron xurdindo e paralizou moitos proxectos, como o turístico a través da ruta da sidra", conta este técnico agrícola. Desde a asociación xa adiantaran un percorrido sinalizado e unha páxina web na que promocionar, entre outros, os lagares da zona. Neste período, desde a asociación están promovendo a profesionalización do sector e, amparados na cooperativa, facilitan a maquinaria necesaria para aumentar os beneficios. 

Soto recoñece que a posibilidade de aumentar superficie beneficiaría a todo o sector "sempre e cando sexa en terreos que estean ao carón uns dos outros". É nese aspecto onde, segundo este técnico, entraría a nova Lei de Mobilidade de Terras "que podería achegarnos terreos abandonados para poñelos en valor". 

O valor engadido de ser produto ecolóxico

Na produción de mazás para sidra na Estrada o seu valor engadido é ser un cultivo ecolóxico. A previsión deste ano sitúase en 1,5 millóns de quilos, un 70% da que se tivo na tempada histórica de 2019. O maior comprador na Estrada, e tamén no resto do país, segue sendo Estrella Galicia, a empresa de Hijos de Ribera que comercializa a marca Maeloc que conta con distribución  en todo o Estado español e en 11 países.

O segredo do cultivo ecolóxico da mazá é o mesmo que doutros produtos como explica Soto. "Nós rozamos de maneira mecánica os terreos e non empregamos herbicidas nin abonos de sínteses", asegura, "e como resultado temos un produto máis san", engade. Esta característica é a que procuran moitas marcas na actualidade e que singularizan a súa produción.

Comentarios