CARTA AO DIRECTOR

Servizos sociais, blindados?

Feijoo
photo_camera Raxoi e Feixóo

Feixóo dixo no acto de seguimento do Plan Estratéxico Galicia 2015-2020 que está satisfeito co resultado da economía galega e que este garante e blinda o gasto social. Isto permitiulle, di, baixar os impostos.

Esta situación é en si mesma unha falacia, por canto nunha sociedade envellecida como a española, a baixada de impostos non é xa unha mala opción económica senón unha irresponsabilidade. Non digamos a galega que por mor do exilio económico da súa forza produtiva cada vez ten un menor número de xente activa por cada persoa beneficiaria de axudas

A cuestión a valorar está non na subida de taxas (que cada vez consideran indispensable máis economistas, non así a Xunta) senón a quen se lle debe aplicar ese aumento impositivo.

Nos anos que levamos de crise os traballadores viron reducida a súa capacidade adquisitiva pola devaluación do valor do seu traballo. Pero é que ademáis a recadación recuperou os niveis previos á crise. Cómo é posible? Porque ese esforzo caeu de novo nas costas dos traballadores pois sobre o total de impostos, as cargas laborais e de consumo teñen agora un peso máis grande do que tiñan antes de estourar todo o tinglado.

Iso significa que as outras patas da recadación teñen un aporte menor. Esas patas son os impostos ás empresas (e non falo das pemes ou autónomos que sofren igual ou mais a presión fiscal de Cristóbal Montoro e Valeriano Matínez) e particularmente os rendementos sobre o capital que teñen tantas exencións como para reducir a sua cotización á nada.
Eses cartos “fuxidos” (quer a Suiza, quer a Panamá, quer a determinados petos) permitirían, eles sí, blindar os servizos sociais ou garantir que os nosos pensionistas non reciban a burla de 0,25% de aumento, unha auténtica labazada pois como dixeron en alto na rúa, ata as cartas coas que comunicaron o aumento supuxeron un gasto mais grande para as arcas do Estado.

Feixóo, novamente, mostra a súa falta de proxecto para o noso país que non vai mais alá de acatar as ordes dos amos, non só de M. Rajoy senón das mans que lles darán de comer cando perdan o sillón. 

Víctor Dios. Madrid.
 

Comentarios