Consumo quere eliminar o 902 nos servizos de atención á clientela

O Ministerio de Consumo pretende que as empresas deixen de cobrar pola atención e ofrezan como contacto un número xeográfico de tarifa básica
O ministro de Consumo, Alberto Garzón (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Consumo, Alberto Garzón (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Consumo quere acabar coa práctica de moitas empresas de empregar números de tarificación adicional (entre os que se inclúen os que empregan o prefixo 902) nos servizos de atención ao cliente.

O departamento que dirixe Alberto Garzón busca con esta medida que a clientela destas empresas dispoña sempre dun número xeográfico de tarifa básica para as súas relacións coas empresas e acabar así con "abusos e sobrecustos nas facturas mensuais", o que beneficiará toda a poboación e, en especial, aquela con menos recursos. 

"Os servizos de atención ao cliente non poden ser un custo para o peto de consumidores e un negocio para unhas poucas empresas. É unha medida de xustiza social, que porá fin a un abuso xeneralizado e agravado no contexto da Covid polas restricións de capacidade, mobilidade e  presencialidade", inciden desde o Ministerio.

Desta maneira, evitarase que as compañías poidan aplicar ás chamadas aos seus servizos de atención ao cliente prezos que excedan o custo de chamada a unha liña telefónica xeográfica.

Satisfacción en Facua

A asociación de consumidores Facua mostrou a súa satisfacción pola decisión do Ministerio de Consumo de prohibir nos servizos de atención ao cliente o uso de calquera número de  tarificación adicional, unha práctica que, segundo lembran, custou 99 millóns de euros ás persoas consumidoras en 2019.

Facua celebra a decisión do Goberno, aínda que lamenta a "pasividade" das autoridades de consumo territoriais ante esta fraude, a pesar dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) de 2017, que recollía que as liñas de tarificación especial para a atención ao cliente vulneran a normativa europea de protección aos consumidores. 

A asociación advirte de que o negocio das liñas 902 é "dobremente fraudulento", xa que supón grandes ingresos para as compañías de telecomunicacións e tamén para as empresas, que gañan diñeiro con cada chamada que reciben.

Comentarios