domingo 19/09/21

A SEPI elixe un ex de Abanca para dirixir o fondo de rescate

A SEPI escolle un ex de Abanca e do Popular para dirixir o fondo de rescate para empresas estratéxicas en crise.
Sede da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).
Sede da Sociedade Estatal de Participacións Industriais. (Foto: SEPI)

A Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) vén de nomear Julián Mateos, actual director de Negocios de SEPI Desenvolvemento Empresarial (Sepides), como novo director do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas, creado polo Executivo estatal para saír ao rescate das empresas máis golpeadas pola crise da Covid.

Antes de aterrar na SEPI, Mateos, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, traballou no Banco Popular e Caixanova, así como nas sucesivas entidades ás que deu orixe a fusión das caixas galegas, incluída Abanca, actual herdeira dos seus negocios financeiros. 

Até a data, o fondo que dirixira este vello coñecido das entidades galegas concedeu axudas por importe de 1.080 millóns de euros, o que supón 23% do total solicitado. 

O fondo foi constituído hai un ano dentro do contexto provocado pola pandemia do Covid-19 e aprobou desde a súa creación as axudas para  Air Europa (475 millóns), Duro Felguera (120 millóns), Plus Ultra (53 millóns); Ávoris Corporación (320 millóns), e Tubos Reunidos (112,8 millóns).

Entre as empresas que agardan por unha resposta á súa solicitude figuran Hotusa, do galego Amancio López, que pediu 320 millóns de euros á SEPI, e Ferroatlántica, que solicitou outros 33 millóns de euros.

comentarios