Unha sentenza obriga a CRTVG a pagar a extra de verán de 2012 ao persoal público

A resolución vén sumarse a outras dúas xa coñecidas en que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza se pronunciou a favor d@s traballador@s públic@s do Concello de Oleiros e do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

photo_camera Instalacións da CRTVG


Unha sentenza ditada pola sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza obriga a Compañía Radio e Televisión da Galiza (CRTVG de aquí en diante) a abonar ao seu persoal público a paga extra de verán que se lles negou en 2012 e correspondente ao periodo que vai do 1 de xaneiro ao 14 de xullo de 2012. 

Tomando en consideración que son xa tres as resolucións xudiciais que dan a razón aos sindicatos con representación na mesa da función pública --CIG, CC.OO, CSI-F e UGT--, as catro centrais coinciden ao reclamar que a devolución das extras se faga de oficio e sen agardar máis pronunciamentos xudiciais en contra pois nalgúns casos, coma o do Sergas, a administración pública foi condenada tamén a satisfacer os gastos do proceso.

Comentarios