Autónom@s pola forza

A crise e a precarización do emprego, que xa viña de antes do 2008, veñen de crear unha nova tipoloxía de persoas empregadas por conta propia: as autónomas pola forza. Aqueles e aquelas que non querían emprender un negocio, senón que se viron na obriga pola situación laboral: non hai traballo e queren cotizar como sexa


É o caso de Ana (nome ficticio), do sector da comunicación, que non atopaba un posto nunha empresa nun momento de grave crise no sector, mais si pequenos traballos; así que se decidiu a se estabelecer por conta propia. “Non era a miña primeira opción, e metinme un pouco por casualidade, para botarlle unha man a unha compañeira que era tamén autónoma e que marchaba de vacacións”.

Ana entra e sae do réxime de autónomos segundo a necesidade e traballa desde a casa. “É unha vergoña que non poidas darte de alta unha semana. Por que teño que pagar o mesmo que alguén que gaña 5.000 euros ao mes?”, pregúntase. A fantasma da fraude é a resposta dos sucesivos gobernos: “pois que a persigan, mais así non é xusto”.

“Os autónomos son os grandes prexudicados, moitos terían que facer traballo por conta allea e están asumindo eles o risco das empresas para as que traballan”

A inmensa maioría d@s autónomos e autónomas pagan a base de cotización mínima, correspondente a 850 euros, o que supón que cobrarán pensións ridículas (arredor dos 500 euros), e baixas por enfermidade que corresponden ao 70% e 60% desta base. A isto cómpre engadir a forte perda de poder adquisitivo pola crise e polo aumento de impostos (pasou do 15% do IRPF ao 21%), así como a suba do IVE.

“Os autónomos son os grandes prexudicados, moitos terían que facer traballo por conta allea e están asumindo eles o risco das empresas para as que traballan”. Quen así fala é Paloma López Retorta, xerenta da Asesoría Cifras, que ten en carteira un bo número de persoas empregadas por conta propia, e afirma que “ser autónomo está ben para xente que quere emprender, mais logo o lóxico é montar unha empresa”.

Paloma pon cifras: “Un autónomo que traballe por menos de 22.000 euros está traballando polo xornal”. Segundo ela, montarse por conta propia “é sempre perder cartos e perder dereitos”. E, ademais, financiar o estado, adiantando o IVE das facturas que non sempre chegan a cobrar.

A fraude

Quen non quedou pampa algunha vez ao comprobar como @ teu dentista (por exemplo) pon escusas do máis variadas para non facer factura? El/ela tamén é un/ha autónom@, mais pertence a un dos sectores onde é máis doado cometer fraude: os servizos sanitarios e educativos, e en xeral calquera negocio con atención ao público, onde non é obrigatorio emitir facturas.

E o número de persoas defraudadoras aumenta porque os ingresos baixan a suba de impostos non implica unha mellora nos servizos sociais. As altas taxas de fraude explican a recente medida do goberno español de prohibir os pagamentos en efectivo de máis de 2.500 euros.

A falsa “autonomía”

O peor desta realidade son as persoas chamadas falsas autónomas, as que traballan só para unha empresa mais por conta propia. Este é un fenómeno que non para de medrar, en parte grazas á crise: así a empresa non asume antigüidade nin indemnización.

“É unha relación falsamente mercantil para evitar a protección social que se conseguiu en 100 anos”

Este tipo de traballador@s concéntranse, segundo Héctor López de Castro -avogado da CIG-, en sectores como servizos, comunicación, transporte e construción. “É unha relación falsamente mercantil para evitar a protección social que se conseguiu en 100 anos”, afirma Héctor, quen lembra que substituír traballador@s por autónom@s “é ilegal”.

“Deste xeito, o risco do negocio transfírese ao falso autónomo”, afirma o representante da CIG, quen recorda que hai unha desigualdade de base e finxir que ambas as dúas partes son empresarios “é unha ficción”. Para os sindicatos tradicionais é moi difícil loitar contra esta situación, dado que este tipo de traballos están bastante ocultos. “Estase avanzando na individualización do traballo”, considera Héctor, e chama a non esquecer que “un autónomo segue a ser un traballador”.

Comentarios