A semana principia cunha suba de 10% da luz: así evolucionou no último ano

Decembro de 2021 rematou como o mes máis caro da historia, cun prezo medio do megawatt/hora (MWh) de 239 euros.
luz foto de  Luma
photo_camera O prezo da luz oscila esta segunda feira entre os 100 e os 189 euros/MWh (Foto: Luma).

O prezo medio da electricidade no mercado maiorista volve subir esta segunda feira, en concreto 9,88% a respecto do domingo, de forma que alcanzará os 150,5 euros por megawatt/hora (euros/MWh), segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Por treitos horarios, o prezo mínimo da luz para este 3 de xaneiro darase entre as 23 e as 24 horas, con 100,36 euros/MWh, ao tempo que o máximo, de 189,26 euros/MWh, se rexistrará entre as 8 e as 9 horas.

En comparanza co mesmo día de 2021, a suba experimentada esta segunda feira na tarifa eléctrica é de 221%, xa que un ano atrás o custo medio era de 46,93 euros/MWh.

O pasado mes de decembro fechou como o máis caro da historia, cunha tarifa media de 239,1 euros e con certas repuntas que superaron amplamente a cota dos 200 e 300 euros/MWh.

O encarecemento dos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos este ano.

Prodúcese, aliás, nun momento no que a Comisión Europea estuda cualificar o gas e a enerxía nuclear como "verdes" a fin de acelerar o proceso de descarbonización e aumentar a produción enerxética.

Evolución do prezo medio mensual da luz en 2020 e 2021

Comentarios