Os selos de calidade galegos alzan a voz contra o sistema de etiquetaxe Nutriscore

Advirten de que o etiquetado Nutriscore pode inducir a erros interpretativos, chegando a clasificar como non saudábeis alimentos amplamente recoñecidos como tales e que forman parte do patrimonio gastronómico galego.
Alimentos co etiquetado Nutriscore (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Alimentos co etiquetado Nutriscore (Foto: Xoán Roberes).

O Goberno español ten pensado aprobar antes de final de ano o etiquetado Nutriscore, un sistema europeo que clasifica os alimentos en función da súa calidade nutricional. En concreto, a través dun algoritmo distribúe cada produto nunha escala de cinco cores e letras co fin de facilitar ás persoas consumidoras a comprensión das propiedades alimentarias dos produtos.

Porén, varios selos de calidade galegos, denominacións de orixe protexida e indicacións xeográficas protexidas advirten de "erros desmesurados" no sistema de etiquetaxe, polo que piden ao Goberno español, e nomeadamente ao ministro de Consumo, Alberto Garzón, que "recapacite e poña en suspenso" a súa implantación "mentres se solucionan as deficiencias".

Nun comunicado conxunto, os consellos reguladores das denominacións de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, Mexillón de Galiza e Queixo Tetilla, xunto cos das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carne de Vacún da Galiza e Castaña da Galiza, advirten de que o etiquetado Nutriscore "pode inducir a erros interpretativos por parte das persoas consumidoras, chegando a clasificar como non saudábeis alimentos amplamente recoñecidos como tales e que forman parte do noso patrimonio gastronómico".

Na súa opinión, os selos de calidade, uns distintivos potenciados polas institucións europeas como identificadores de alimentos cunhas bondades intrínsecas, que forman parte da dieta tradicional e que, ademais, aseguran unha remuneración xusta para as súas produtoras, son "unha solución considerabelmente máis adecuada que Nutriscore".

Nesta liña, critican que Nutriscore funciona "cun algoritmo pensado e aplicábel a outra tipoloxía de alimentos" e insisten no feito de que "non demostrou ser un sistema capaz de transmitir ás persoas consumidoras as verdadeiras propiedades nutricionais dun produto de maneira totalmente fiábel".

Demanda en auxe

Outro dos argumentos que esgrimen estes consellos reguladores para defender os seus selos é que as persoas consumidoras, cada vez máis informadas e preocupadas polo que meten na cesta da compra, "amosan unha crecente preferencia por produtos con DOP ou IXP", tal e como acredita o informe Hábitos de alimentación 2019 da Unión de Consumidores da Galiza, que constata un aumento de 12,8% na demanda de alimentos amparados por insignias de calidade.

"Os alimentos amparados polas DOP e as IXP representan o antídoto para prescribir", conclúen, "porque sintetizan a mellor tradición alimentaria contrastada pola práctica inmemorial e ligada ─no caso galego─ a un territorio, Galiza, cuxa despensa acredita xusta fama e prestixio".

Por todo iso, insisten en pedir ao Goberno español que suspenda a súa implantación, e máis após constatar o "profundo rexeitamento" que está a xerar este sistema de etiquetado "entre relevantes actores do sector agroalimentario español pero tamén entre profesionais nutricionistas do noso país e mesmo noutros países europeos" polos erros interpretativos que pode chegar a inducir.

Comentarios